O BNG demanda máis peonalizacións para avanzar cara a un Vigo “para as persoas e non para os coches”

Foto_Ana Pontón e Xabier P Igrexas O Calvario Vigo 2
O portavoz municipal, Xabier P Igrexas xunto a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e os concelleiros/as Ana Martínez (esq) e Filipe Abalde (dta.) percorrendo O Calvario [Imaxe de Arquivo]

No Día Peonil Mundial a fronte nacionalista propón a creación dunha Mesa Local de Mobilidade

Xabier P. Igrexas: “Temos que avanzar cara a unha cidade máis segura, máis habitábel e máis sustentábel. Un Vigo deseñado para as persoas e non para os coches
 

O BNG demanda máis peonalizacións para avanzar cara a un Vigo “para as persoas e non para os coches”

No Día Peonil Mundial, que se celebra hoxe, desde o Bloque Nacionalista Galego apostan por mudar o modelo de mobilidade en Vigo. Para a fronte nacionalista o actual modelo, baseado no uso do coche privado con 300 mil desprazamentos diarios na cidade, é “inseguro para as persoas, insustentábel para o medio e ten graves consecuencias para a habitabilidade da cidade”

Así, o vén de afirmar o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, quen advertiu de que cada ano están a emitirse 600 mil toneladas de CO2 na cidade, con presenza de partículas contaminantes en valores moi superiores aos recomendados pola Organización Mundial da Saúde. 

Igrexas tamén explicou que o actual modelo de mobilidade provoca que 7 de cada 10 viguesas e vigueses estean expostos a elevados niveis de ruído, e tradúcese na saturación da rede viaria da cidade con atascos que suman até 46h de retencións cada ano.

Outro dos aspectos máis “graves e preocupantes” é o “claro problema de seguridade vial” que implica o uso masivo do coche privado. “Cada anos temos máis de 2500 accidentes viarios na cidade e son preto de 200 os atropelos contra peóns”, advirte o portavoz municipal nacionalista recollendo os últimos datos oficiais do propio Concello (do ano 2019).

Diante desta situación no BNG defenden que cómpre avanzar cara a unha mobilidade diferente, reordenando o espazo público para dar prioridade a peóns, biciletas ou vehículos de mobilidade persoal e ao transporte público sobre o vehículo particular. “Temos que dar alternativas para que as viguesas e vigueses deixen de estar obrigados a moverse en coche na cidade” reivindicou Igrexas.

Máis peonalizacións 

No concreto, defenden como fundamental reiniciar con toda a potencia o proceso de democratización do espazo público que o BNG impulsou no seu momento coas actuacións do Calvario, Praza da Independencia e Casco Vello, para dotar a cidade de máis rúas peonís ou de prioridade peonil, eliminando tráfico innecesario en lugar de enterralo en costosos túneis ou desvialo con grandes viais que ameazan con tronzar as parroquias do rural.

Con ese obxectivo desde a fronte nacionalista  propoñen a creación dunha Mesa Local de Mobilidade. Un foro do que fagan parte ademais dos grupos políticos municipais e persoal técnico especializado, representantes do movemento veciñal, colectivos ecoloxistas, organizacións profesionais do transporte, sindicatos e tamén da universidade, para definir as actuacións concretas que fagan que o vixente Plan de Mobilidade Urbana Sustentábel deixe de ser “un grande tomo de papel mollado”.  

“Temos que avanzar cara a unha cidade máis segura, máis habitábel e máis sustentábel. Un Vigo deseñado para as persoas e non para os coches”, sintetizou Igrexas.

O BNG demanda máis peonalizacións para avanzar cara a un Vigo “para as persoas e non para os coches”