O BNG demandará no Congreso a instalación de barreiras acústicas ao paso da AP9 en Teis

`[Imaxe de arquivo]
`[Imaxe de arquivo]

Xabier P. Igrexas: “Sería inxustificábel que cando se anuncian estas actuacións noutros tramos, a veciñanza de Teis e de Vigo volva ser ingorada polo Goberno español e Audasa”

O BNG demandará no Congreso a instalación de barreiras acústicas ao paso da AP9 en Teis


VIGO, 27 de xullo de 2020.- O Bloque Nacionalista Galego anunciou esta mañá en Vigo que levarán ao Congreso dos Deputados/as a demanda de que se instalen barreiras acústicas ao paso da AP9 polo barrio de Teis. O concelleiro do BNG na cidade olívica, Xabier P. Igrexas, facíao público após se coñecer a través de informacións xornalísticas a intención de Audasa de instalar pantallas redutoras de ruído no tramo que une Vilaboa e Chapela. 

“O BNG imos levar esta histórica demanda da veciñanza de Teis ao Congreso, a través dunha iniciativa que formulará con carácter urxente o noso deputado Néstor Rego, para urxir do Goberno español un compromiso claro nesta cuestión e esixir da concesionaria que actúe”, explicou o portavoz municipal nacionalista.

Igrexas advertíu de que sería “inxustificábel” que “a veciñanza de Teis e de Vigo volva ser ignorada por Madrid e por Audasa”. “O barrio de Teis non pode continúar a padecer estes niveis de contaminación acústica”, reclamou, defendendo que a instalación de barreiras acústicas pode ser unha solución eficaz entrementres non se resolve a conversión en vía urbano de todo o tramo da AP9 que discorre desde as Torres de Padín até o centro da cidade. Unha actuación que fica pendente tanto do seu encaixe no planeamento urbanístico como dun acordo co Ministerio de Transportes.

“O trazado da AP9 tronzou Teis e supón grandes prexuízos para as veciñas e veciños. É hora de comezar a corrixilos”, remachou.

O BNG demandará no Congreso a instalación de barreiras acústicas ao paso da AP9 en Teis