O BNG insta o Concello de Vigo a opoñerse ao novo recheo portuario no Berbés

  • O concelleiro, Xabier P. Igrexas, demanda que o Goberno municipal utilice todos os medios administrativos e legais para evitar que se efectivice o aterramento no pantalán 2 da dársena de Bouzas.
  • A fronte nacionalista reitera que “o tempo dos recheos na Ría de Vigo rematou” e chama a apostar por un desenvolvemento “sustentábel e racional” do Porto
O BNG insta o Concello de Vigo a opoñerse ao novo recheo portuario no Berbés

Diante das informacións publicadas que apuntan que este mes de novembro poderían dar inicio as obras para acometer un novo recheo no Porto de Vigo, o Bloque Nacionalista Galego vén de instar o Goberno municipal de Vigo a utilizar todos os medios “administrativos e legais” para paralizar esa nova “agresión ambiental contra a Ría”. O concelleiro do Bloque en Vigo, Xabier P. Igrexas, demanda tamén que o executivo de Abel Caballero informe de cal foi a posición dos representantes municipais no Consello de Administración da Autoridade Portuaria a respeito deste proxecto.

O novo aterramento executaríase no pantalán número dous da dársena de Bouzas, nas inmediacións do Berbés e tería por obxecto ampliar a lonxa. “O BNG temos unha posición clara e firme: o tempo dos recheos rematou”, enfatizou Igrexas.

O edil nacionalista criticou que ese recheo para alén do “evidente efecto ambiental” terá tamén efectos negativos a nivel paisaxístico e dificultará a integración urbana da faixa litoral no Berbés, “unha tarefa que sigue pendente”. Aliás, Igrexas advertiu de que a ampliación da lonxa nesa localización suporá acabar coas vistas privilexiadas que ten a cristaleira do hall do Auditorio Mar de Vigo.

Desde a fronte nacionalista denuncian a “irracionalidade” da Autoridade Portuaria presidida por López Veiga, que “teima na aberración de seguir gañando metros ao mar cementando a nosa Ría”, malia non dispor nin dunha Delimitación de Usos e Espazos Portuarios nin dun Plan Especial. Lembran que a cidade xa ocupa arredor de 3 millóns de metros cadrados do seu litoral.