O BNG logra o acordo do Pleno para declarar Vigo como zona tensionada da vivenda

Xabier P. Igrexas, Ana Martínez e Filipe Abalde no Pleno de Vigo
Xabier P. Igrexas, Ana Martínez e Filipe Abalde no Pleno de Vigo

A moción aprobada da fronte nacionalista inclúe medidas para frear o aumento dos alugueiros, limitar a proliferación dos pisos turísticos e compromisos concretos para que os Gobernos local, galego e español despreguen alternativas ante este grave problema

Dende o Bloque afean o veto do Goberno de Caballero a conceder a Medalla da Cidade para a UNRWA e o seu sectarismo na designación das Viguesas e Vigueses Distinguidos

O BNG logra o acordo do Pleno para declarar Vigo como zona tensionada da vivenda

O Bloque Nacionalista Galego vén de lograr o acordo do Pleno municipal para declarar Vigo coma zona tensionada da vivenda. Cos votos a favor do BNG, e a abstención dos grupos do PSOE e do PP, resultou aprobada a moción da fronte nacionalista que inclúe medidas para frear o aumento dos alugueiros, limitar a proliferación dos pisos turísticos e compromisos concretos para que os Gobernos local, galego e español despreguen alternativas nesta materia.

Así o defendeu durante a sesión plenaria o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, quen acusou ás tres administracións de “inacción” ante un dos principais problemas sociais en Vigo como é o acceso á vivenda. Nese sentido, urxiu a actuar xa fronte aos prezos dos alugueiros “desesperantes” que rexistran “máximos históricos” na cidade, cun aumento do 48,46% na última década, segundo o Observatorio da Vivenda de Galiza.

Con esta moción, o BNG esixiu que o Goberno galego exerza dunha vez as súas plenas competencias en vivenda na cidade e, pola súa banda, que o Concello de Vigo poña en marcha as amplas capacidades e recursos dos que dispón para dar resposta á “grave” situación que padecen miles de viguesas e vigueses. Uns compromisos que, a xuízo das nacionalistas, pasan por despregar un parque público de vivenda en réxime de alugueiro, mobilizando os máis de 22.000 inmóbeis baleiros que existen na cidade.

Entre outras medidas aprobadas, Igrexas destacou a urxencia de poñer freo ao “fenómeno ultraespeculativo” dos pisos turísticos, que superan xa os 1.600 e multiplican por catro a oferta para alugueiro residencial, cunha ordenanza municipal que os regule e unha moratoria a novas licenzas durante cinco anos. “Nin un piso turístico máis en Vigo mentres non logremos facer accesíbel o alugueiro”, afirmou Igrexas.

Tamén a nivel municipal, dende o Bloque consideran necesario un Plan Municipal Facilitador do Alugueiro, que axude a enfrontar as crecentes esixencias para acceder a unha vivenda, asumindo e respondendo o Concello polos avais e seguros e cunha liña de axudas para anticipar os pagos das fianzas, en particular para a mocidade e familias de baixos recursos.

No caso do Goberno galego, a fronte nacionalista conseguiu o acordo do Pleno municipal para que a metade das 1.600 vivendas previstas no Plan Parcial de Navia, como mínimo, se destinen para alugueiros sociais. Nese sentido, o portavoz do Bloque afeou a “política de brazos caídos” do Goberno galego do PP en Vigo malia ser a urbe galega con maior número de persoas inscritas (case 7.000) como demandantes de vivenda protexida.

A moción nacionalista recollía tamén compromisos por parte do Goberno español, no relativo aos centos de inmóbeis dos que é propiedade a Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestructuración Bancaria (Sareb), participada maioritariamente polo Estado, para destinalos a usos sociais e para que cese nas prácticas de acoso inmobiliario como padecen desde hai anos a veciñanza de Privada Moderna no Calvario.

Veto á medalla para a UNRWA

Ao finalizar o Pleno ordinario tivo lugar a sesión extraordinaria para o debate e aprobación do outorgamento das Medallas da Cidade e do recoñecemento de Viguesas e Vigueses Distinguidos. O Bloque Nacionalista Galego votou en contra da proposta para as Medallas da Cidade que, por decisión unilateral do alcalde, se propuxeron (nunha única votación) para o hospital privado Povisa e o bicentenario do Corpo Nacional de Policía.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, argumentou en contra de conceder a máxima distinción da cidade a Povisa que cualificou de “empresa amiga” do PSOE e do PP e “anomalía que fai da saúde de 120 mil persoas da área de Vigo un grande negocio privado que recibe cada ano máis de 80 millóns de euros de diñeiro público”. Neste sentido, argumentou que non se pode premiar a privatización e a precariedade dos servizos públicos que impón “unha sanidade a dúas velocidades, con menos persoal que na rede pública, con máis listas de espera e con peor atención por falla de medios”.

Aliás, Igrexas, rexeitou a equiparación do actual Corpo Nacional de Policía cos seus antecedentes históricos, lembrando que Policía Xeral do Reino, da que se cumpren dous centos anos, foi creada polo Rei Fernando VII como un corpo de represión contra os sectores liberais e democratizadores e en defensa da monarquía absoluta e cun afán centralista contra outros corpos, como a “Milicia Honrada” que xogou un papel fundamental na Reconquista de Vigo fronte a invasión napoleónica. Tamén lembrou o papel “brutal e nefasto” xogado pola policía española durante a ditadura franquista e mesmo nos primeiros anos da denominada Transición.

Por outra parte, Igrexas reprochou con dureza o veto de Abel Caballero á proposta do BNG para lle conceder a Medalla da Cidade á Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados/as de Palestina en Oriente Próximo (UNRWA), que este 2024 cumpre 75 anos de historia e que é, arestora, o principal fornecedor de axuda humanitaria e apoio ao pobo palestino. Neste sentido, o portavoz municipal nacionalista subliñou que nos últimos “151 días de barbarie” por parte do réxime sionista e de apartheid de Israel en Gaza producíronse máis de 32 mil mortes e case 75 mil feridas, das que 7 de cada dez vítimas foron crianzas ou mulleres. “Esta proposta o que quería expresar de maneira clara era o clamor unánime das viguesas e dos vigueses en favor da paz e dos dereitos humanos”, enfatizou.

Sectarismo nas Viguesas/es Distinguidas/os

Desde o BNG criticaron tamén a actuación “antidemocrática e sectaria” do Goberno municipal, que decidiu impoñer unilateralmente 10 dos 12 recoñecementos de Viguesas e Vigueses Distinguidos deste ano 2024. No concreto, Igrexas denunciou a exclusión das súas propostas do Comité de Empresa de Vitrasa pola súa “exemplar loita en defensa dun servizo público esencial” e mais da libraría Cartabón, da que salientou o seu papel como “grande espazo cultural e de defensa do noso idioma”, celebrando, iso si, a inclusión da escritora María Reimóndez, tamén proposta polas nacionalistas. A pesar desa crítica, o BNG votou favorabelmente, permitindo un acordo unánime, expresando o seu recoñecemento ao conxunto de persoas e colectivos finalmente designados.

O grupo municipal do BNG formulou hai varias semanas a proposta de reformar o regulamento de Honras e Distincións do Concello para garantir o respeito á pluralidade e abrir o proceso de designación á participación da cidadanía e colectivos sociais.
O BNG logra o acordo do Pleno para declarar Vigo como zona tensionada da vivenda