O BNG promoverá a elaboración participativa dun novo PXOM para poñer o urbanismo ao servizo das persoas

Xuntanza coa Executiva de UXT Vigo
Xuntanza coa Executiva de UXT Vigo

O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas comprométese a levar a elaboración do novo Plan “a pé de rúa” contando coa participación directa das veciñas e veciños, para lograr que sexa un “PXOM de toda a cidade, co máximo consenso político e social”.

A fronte nacionalista aposta nun deseño urbano racional adecuando a edificabilidade ás necesidades reais, sustentábel, reconciliando a cidade co seu medio natural, e que atenda á totalidade do territorio e permita vertebrar mellor a cidade entendendo que a cidade tamén son os barrios e as parroquias. “Queremos un urbanismo ao servizo da cidade e das persoas, non da especulación”, resume Igrexas.

O BNG promoverá a elaboración participativa dun novo PXOM para poñer o urbanismo ao servizo das persoas

O BNG rematou hoxe a rolda de encontros cos principais sindicatos da cidade para trasladarlles as propostas recollidas no Programa Electoral en materia de emprego, reordenación urbanística ou políticas sociais. O último deles, mantido coa executiva comarcal UXT, puxo de manifesto as problemáticas de sectores como o industrial ou o tecido comercial da cidade e a destrución de postos de traballo dos últimos catro anos na cidade. Tamén insistiu Xabier P. Igrexas, candidato á alcaldía, na importancia de elaborar un Plan Xeral de Ordenación Municipal como “instrumento que permita planificar o desenvolvemento da cidade”, para desenvolver tamén as “potencialidades produtivas e industriais” e que conte coas distintas voces da cidade para adaptalo á realidade.

No encontro coa executiva comarcal da UXT o BNG puxo sobre a mesa cales son as propostas da fronte nacionalista para atender o principal problema da cidade como é a situación de desemprego, a falta de oportunidades ou precariedade laboral: “Pero tamén quixemos compartir coa UXT a preocupación do BNG diante da parálise que se produce entorno ao planeamento urbanístico”, expuxo Igrexas. “Temos un compromiso firme con que Vigo ten que contar cun novo Plan Xeral de Ordenación Municipal. Non podemos ter unha cidade que estea rexida por un plan do ano 93 que xa daquela non respondía ás necesidades dunha grande urbe como Vigo”, recordou

Para o candidato da fronte nacionalista a ordenación provisional que se está a intentar aprobar non só non é unha solución senón que é unha trampa porque hoxe na cidade non se sabe o que se pode facer nin onde e iso impide o desenvolvemento da cidade e que haxa investimentos para facer avanzar o conxunto do noso territorio: “Estamos moi preocupados pola evidente falta de vontade política por parte do goberno municipal do goberno socialista” denunciou.

Un PXOM co máximo consenso político e social

Tamén recorda Pérez Igrexas que o anterior proxecto do Plan Xeral de 2008 foi tombado por un defecto na tramitación administrativa mais “a causa profunda foi que non fomos capaces colectivamente de tecer un plan co máximo consenso de cidade arredor de que modelo urbano queremos desenvolver”, lamentou o candidato.

Para Xabier P. Igrexas Vigo ten que dotarse dun plan que permita sentar as bases dunha planificación a medio prazo racionalizando as proxeccións de edificabildiade após o estourido da burbulla inmobiliaria. “En Vigo hai 18.500 vivendas baleiras, é evidente que estamos nun momento no que non precisamos construír outras 40.000 como se recolle en anteriores plans. O que hai que facer é facilitar o acceso social á esa vivenda, apostando pola vivenda protexida e social”, avisa. E insiste en que temos que adecuar o planeamento ás necesidades da cidade: “Queremos un urbanismo ao servizo das persoas, non da especulación”

Un Vigo adaptado á realidade das persoas

Pérez Igrexas entende que é moi importante incidir na dimensión social do planeamento urbanístico porque “o plan xeral non só fala de onde se pode edificar senón que define onde podemos ter escolas públicas, onde pode haber un instituto público en Navia ou onde podemos instalar un novo centro de saúde” e por iso a súa aposta é promover un novo Plan co máximo consenso social e colectivo da cidade”, acrecentou

Hai xa algo máis dun ano, recorda, a concelleira de urbanismo anunciou que estaba xa practicamente listo pero hoxe ninguén sabe na cidade nada agás que se elaborou unha memoria socioeconómica e que “seica se fixo unha contratación do estudo arquitectónico e da cartografía coa que se vai elaborar. Pero se de verdade se estivera elaborando teríamos que estar vendo moitos planos despregados nos barrios e nas parroquias, deberíase estar falando coa veciñanza a pé de rúa, realizando asembleas coas asociacións veciñais para poñer en común cal é o deseño urbano que queremos impulsar”, esixe Igrexas.

Un novo Plan para un novo Vigo

“Dende o BNG queremos un deseño urbano racional, sustentábel, que reconcilie a cidade co seu medio natural, que atenda á totalidade do territorio e permita vertebrar mellor a cidade entendendo que a cidade tamén son os barrios e as parroquias”, acrecenta o candidato nacionalista. E dende logo para Igrexas é primordial que se aposte por un novo mapa de infraestruturas que permita despregar unha mobilidade do século XXI máis moderna, facéndoa pivotar sobre o transporte colectivo, unha proposta recollida tamén no Programa Electoral.

“Dicía o candidato socialista que Vigo necesita con urxencia máis solo industrial pero se de verdade entendera que hai esta necesidade, o razoábel sería que estiver poñendo en marcha a elaboración do Plan Xeral. Vemos como nun contexto onde parece que pode haber oportunidades para reactivar a actividade produtiva, moitas empresas teñen dificultades para se instalar por falta de solo industrial. Nos queremos que Vigo volva ser un verdadeiro pulmón industrial de Galiza e se converta na capital galega da innovación, da tecnoloxía e das comunicacións, na capital galega do futuro”, sentenciou.