O BNG promoverá políticas reais para combater a pobreza e o empobrecemento

Carmela González e Xabier P. Igrexas durante un reparto informativo en Príncipe
Carmela González e Xabier P. Igrexas durante un reparto informativo en Príncipe

A fronte nacionalista recuperará a Tarxeta Básica, porá en marcha un Plan de erradicación do chabolismo e a infravivenda ofrecendo alternativas habitacionais dignas ás persoas sen fogar e reforzará os servizos sociais comunitarios

Carmela González: “Unha Xunta presidida por Ana Pontón non vai deixar a ninguén atrás e reforzará con máis medios as políticas públicas que permitan unha verdadeira inclusión social”

Xabier P. Igrexas: “Hai que acabar coas escasas políticas de caridade asistencialista do Partido Popular para poñer en marcha políticas de verdadeira xustiza social”

O BNG promoverá políticas reais para combater a pobreza e o empobrecemento

O Bloque Nacionalista Galego comprométese a promover desde a Xunta de Galiza “políticas reais” para combater a pobreza e o empobrecemento no noso País. A candidata do BNG ao Parlamento galego, a viguesa Carmela González, defendeu que “é urxente que o Goberno galego deixe de virarlle as costas aos sectores máis vulnerábeis”.

González defendeu que “unha Xunta presidida por Ana Pontón non vai deixar a ninguén atrás e reforzará con máis medios as políticas públicas que permitan unha verdadeira inclusión social”.

Entre as medidas concretas, que fan parte do programa de goberno da fronte nacionalista e no que se recollen propostas de diferentes colectivos sociais como o Foro Socioeducativo Os Ninguéns, a candidata destacou a recuperación e redefinición da Tarxeta Básica como un recurso de emerxencia que garanta o acceso de toda a poboación a alimentos e produtos de primeira necesidade.

Para abordar a realidade das persoas sen fogar, que só na cidade de Vigo son máis dúas centas, González defendeu a necesidade de poñer en marcha un Plan de erradicación do chabolismo e da infravivenda, garantindo alternativas habitacionais dignas na cidade. “O pasado ano 13 persoas empobrecidas morreron na rúa ou en choupanos en Vigo, non podemos permitir que volva pasar”, enfatizou.

A candidata nacionalista comprometeuse a que un Goberno galego liderado polo BNG reforzará e ampliará os servizos sociais comunitarios, desburocratizándoos e dotándoos de máis medios humanos e materiais. “Hai moitas persoas que acaban na exclusión social por falla de apoio antes, temos que lograr axudar con máis axilidade a quen o necesita”, reclamou.

Xustiza social fronte caridade asistencialista

De por parte, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, subliñou a necesidade de que a Xunta de Galiza exerza dunha vez as súas competencias no ámbito das políticas sociais. “Hai que acabar coas escasas políticas de caridade asistencialista do Partido Popular para poñer en marcha políticas de verdadeira xustiza social, porque as persoas empobrecidas son antes de máis persoas con dereitos”, reclamou.

Igrexas amosouse convencido de que un cambio no Goberno galego con Pontón como presidenta permitirá que a Xunta actúe para poñer fin á “cruel realidade de termos en Vigo a 1 de cada 5 persoas en risco de exclusión social ou pobreza e centos de persoas nas filas da fame”.

O BNG promoverá políticas reais para combater a pobreza e o empobrecemento