O BNG de Vigo esíxelle a Caballero que actúe para que Vitrasa recupere a totalidade das frecuencias de bus

A fronte nacionalista denuncia que unha vez concluída a folga indefinida e retirados os servizos mínimos a empresa concesionaria mantén recortes que afectan a un total de 15 liñas

Urxen o Goberno municipal a actuar, con todos os medios legais, para obrigar a Vitrasa a rectificar e garantir os servizos ordinarios na súa totalidade

Xabier P. Igrexas: “Que rematada a folga non se recuperen todos os horarios e frecuencias ordinarias é unha nova tomadura de pelo por parte de Vitrasa que insiste en precarizar un servizo de carácter esencial para millares de viguesas e vigueses”

O BNG de Vigo esíxelle a Caballero que actúe para que Vitrasa recupere a totalidade das frecuencias de bus

O Bloque Nacionalista Galego vén de dirixirse ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, para lle esixir que actúe diante dos novos recortes aplicados por Vitrasa no servizo de bus urbano. A fronte nacionalista denuncia que unha vez concluída a folga indefinida e retirados os servizos mínimos a empresa concesionaria mantén recortes que afectan a un total de 15 liñas, ao negarse a recuperar as frecuencias e horarios anteriores á folga.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, explicou que estes recortes “absolutamente inxustificados” suporán mobilizar 13 vehículos menos durante os días laborábeis (tendo en conta que varias liñas son realizadas por un mesmo bus) e 5 vehículos durante a fin de semana. En concreto, as liñas afectadas que non recuperan as frecuencias existentes antes da folga son o C3, 4A, 5, 7, 10, 12A, 16, 17, 18B, 24, 25, 27, 29, 31 e H3.

“Estamos diante dunha redución de frecuencias que non ten ningunha causa xustificada e que a empresa concesionaria vén de comunicar que se manterá até novo aviso”, alertou o portavoz nacionalista

Igrexas subliñou que “estes recortes profundan no empeoramento dun servizo que coas frecuencias ordinarias, anteriores á folga, xa tiña 250 expedicións menos das que había no 2019, e que novamente se fai notar con maior dureza nos barrios e parroquias”.

Neste sentido, salientou o “exemplo clamoroso” da liña H3, que conecta os barrio de Teis, Travesía de Vigo e Lavadores co hospital Álvaro Cunqueiro, no que “hoxe, a pesar de non haber xa folga, pasa de ter 2 frecuencias de ida e outras 2 de volta, a ter apenas unha única frecuencia de ida ás 7:35h da mañá”.

Para o portavoz municipal nacionalista esta situación é “unha nova tomadura de pelo por parte de Vitrasa que insiste en precarizar un servizo de carácter esencial para millares de viguesas e vigueses”

Por iso, desde o BNG esíxenlle a Caballero que o Goberno municipal actúe como titular do servizo de bus urbano, obrigando con todos os medios legais ao seu dispor a Vitrasa a restituír con carácter inmediato a totalidade das frecuencias ordinarias unha vez levantados os servizos mínimos pola suspensión da folga.

O BNG de Vigo esíxelle a Caballero que actúe para que Vitrasa recupere a totalidade das frecuencias de bus