O BNG compromete o inicio das obras do instituto de Navia neste 2024 cun Goberno liderado por Ana Pontón

A candidata Alexandra Fernández (no centro) acompañada polo Grupo Municipal do BNG de Vigo e militancia da organización
A candidata Alexandra Fernández (no centro) acompañada polo Grupo Municipal do BNG de Vigo e militancia da organización

A fronte nacionalista lamenta as “promesas incumpridas” do PP con este proxecto durante 15 anos malia as demandas da comunidade educativa e da veciñanza do barrio vigués

A candidata Alexandra Fernández traslada tamén o compromiso de reforzar o profesorado e incrementar os recursos para atender as carencias das infraestruturas educativas

Xabier P. Igrexas: “É un dos exemplos máis gráficos e inxustos da política de total abandono coa que a Xunta do PP leva castigando á maior cidade de Galiza”

O BNG compromete o inicio das obras do instituto de Navia neste 2024 cun Goberno liderado por Ana Pontón

O Bloque Nacionalista Galego compromete o inicio das obras para a construción do instituto de Navia neste ano 2024 cun Goberno liderado por Ana Pontón a partir do 18 de febreiro. Así o anunciou este luns a deputada e candidata nacionalista Alexandra Fernández, acompañada do grupo municipal do BNG de Vigo, lamentando as “promesas incumpridas” do PP con este proxecto durante 15 anos malia as demandas reiteradas da comunidade educativa e da veciñanza deste barrio vigués.

“O instituto de Navia é un equipamento imprescindíbel”, destacou Fernández, quen lembrou que o alumnado do colexio de Navia vese na actualidade obrigado a se desprazar 8 quilómetros até o instituto de Valadares. “Esta situación xera moitos problemas para as familias e tamén para o instituto de Valadares, que está masificado por recibir estudantes de outros 4 colexios”, subliñou.

A candidata do BNG afeou o “modus operandi” do PP anunciando campaña tras campaña proxectos para o barrio de Navia, como o propio instituto ou o desenvolvemento de vivendas protexidas, cando non houbo ningún avance nestas materias. “A realidade é que nesta lexislatura o BNG levamos ao Parlamento a proposta de que se iniciasen xa as obras do instituto de Navia e que o PP votou en contra”, cuestionou Fernández.

Menos do 1% do orzamento do proxecto

Na mesma liña, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, criticou que nos últimos 15 anos só se teña iniciado a licitación do proxecto para o instituto, que vai demorar como mínimo até o vindeiro mes de xullo. “É un dos exemplos máis gráficos e inxustos da política de total abandono coa que a Xunta do PP leva castigando á maior cidade de Galiza”, salientou, apostando por abrir un tempo novo cun Goberno galego liderado por Ana Pontón que será “un grande aliado da nosa cidade”.

Igrexas cualificou como “curioso” que o PP na Xunta e o PSOE no Concello de Vigo teñan posto en “pausa o permanente pimpampum” para desbloquear o convenio do instituto de Navia, aínda por asinar, xusto agora ás portas dunhas eleccións galegas. “Ao ronsel de mentiras e promesas incumpridas agora se engaden moitas doses de propaganda”, afirmou, lembrando que este ano só van destinarse 100 mil euros do total de 14 millóns da obra. “Falamos de menos do 1% do orzamento do proxecto, ese é o compromiso da Xunta de Rueda co instituto de Navia”, enfatizou.

Máis profesorado e investimentos nos centros

Dende o BNG trasladaron ademais propostas en materia educativa para poñer fin aos “importantes déficits” que presenta a cidade, tanto pola falla de profesorado como de investimentos nos centros de ensino. Nese sentido, a candidata nacionalista anunciou o compromiso de aumentar o número de profesores e profesoras, así como de orientadores e especialistas para atender as necesidades especiais do alumnado.

Fernández avanzou tamén que se destinaran máis recursos para as infraestruturas educativas, para que conten con espazos cubertos suficientes e para que en ningún centro o alumnado “pase frío como agora” por falla de investimentos nos sistemas de calefacción. “No BNG acreditamos nun sistema educativo público de calidade como motor de igualdade social e de oportunidades para os nosos mozos e mozas”, defendeu.
O BNG compromete o inicio das obras do instituto de Navia neste 2024 cun Goberno liderado por Ana Pontón