O BNG de Vigo critica a nova demora nas obras da rúa Aragón: “12 anos para completar un quilómetro”

Rúa Aragón
Rúa Aragón

A fronte nacionalista urxe a creación dunha Comisión de Control con participación veciñal para asegurar que as humanizacións deixen de acumular atrasos na súa execución

Xabier P. Igrexas: “É un exemplo clamoroso da nefasta xestión da obra pública durante os últimos anos por parte do Goberno municipal de Abel Caballero”

O BNG de Vigo critica a nova demora nas obras da rúa Aragón: “12 anos para completar un quilómetro”

O Bloque Nacionalista Galego de Vigo critica a nova demora nas obras da última fase da rúa Aragón, cuxos traballos de humanización iniciaron no ano 2011. A fronte nacionalista reitera así a proposta de crear unha Comisión de Control con participación veciñal para asegurar que as obras da cidade deixen de acumular atrasos na súa execución.

“12 anos para humanizar unha rúa dun quilómetro”, afeou o concelleiro e candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, que cualificou esta demora como “o verdadeiro récord olímpico das humanizacións de Abel Caballero”. Nese sentido, subliñou que esta última fase, de apenas 300 metros, vai finalizar como pronto a finais de maio, cando as obras comezaron en xullo do ano pasado.

O edil nacionalista asegurou que a rúa Aragón é un “exemplo clamoroso da nefasta xestión da obra pública” durante os últimos anos por parte do Goberno municipal de Abel Caballero

Unha humanización que contou con seis fases para completar os mil metros que separan a rúa Travesía de Vigo de Jenaro de la Fuente. Igrexas chamou a poñer fin a estes habituais atrasos, derivados dunha planificación das obras que, a xuízo do BNG, non busca axilizar o seu remate. Dende a fronte nacionalista volveron reclamar por estes motivos a posta en marcha dunha Comisión de Control que conte con participación veciñal para garantir que “as obras avanzan cando se inician” e non volvan repertirse demoras de máis dunha década para humanizar unha rúa.

O BNG de Vigo critica a nova demora nas obras da rúa Aragón: “12 anos para completar un quilómetro”