O BNG de Vigo demanda que as bolsas de comedor se resolvan antes do inicio de curso

Xabier P. Igrexas, Portavoz municipal do BNG
Xabier P. Igrexas, concelleiro do BNG de Vigo

Chaman a evitar un novo “calvario” para familias e ANPAs como o do presente curso no que as axudas se resolveron a finais de novembro e comezaron a pagarse a mediados de decembro

_Sobre a posíbel cancelación do concerto de Guns N’ Roses: Xabier P. Igrexas intepela a Abel Caballero afirmando que “quen se quixo apuntar o éxito de traer aos Guns N’ Roses a Vigo ten que dar agora a cara”

O BNG de Vigo demanda que as bolsas de comedor se resolvan antes do inicio de curso
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo demanda ao Goberno municipal a garantía de que as bolsas de comedor, libros de texto e material escolar, que iniciarán a súa tramitación o vindeiro luns se resolvan antes do inicio de curso e non nun máximo de seis meses como prevén as bases.

O concelleiro e futuro Portavoz do Grupo municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, destacou que se trata “dunhas axudas que son absolutamente vitais para máis de 3 mil familias da nosa cidade”, polo que instou ao Goberno local a que poña todos os medios necesarios para evitar o calvario da convocatoria do ano pasado. 

En 2022 as axudas resolvéronse a finais de novembro e  comezaron a pagarse case a mediados de decembro, provocando un grave prexuízo as familias que non sabían se eran ou non beneficiarias e tamén ás ANPAs que tiveron que adiantar durante varios meses o importe das becas con recursos propios.

Demandamos ao Goberno municipal a que garanta que no inicio do curso escolar as axudas van estar debidamente resoltas e que se axilice tamén o abono anticipado das bolsas. Non ten xustificación que o Concello da maior cidade galega teña en vilo a miles de familias pola súa incapacidade na xestión dunhas axudas que convoca todos os anos“ afirmou Igrexas.

Guns N’ Roses

En relación á posíbel cancelación do concerto de Guns N’ Roses na cidade, após ficar deserto o contrato para o patrocinio publicitario do Concello de Vigo, Igrexas amosou a súa “incomprensión de que algo así poida suceder”.

“Non coñezo precedentes en ningunha cidade galega nin do Estado onde un concerto deste nivel estea no aire a dez días e con máis de 22 mil entradas vendidas por un problema na xestión dun patrocinio”, asegurou o edil nacionalista.

“É claro que os atallos pola porta de atrás poden conducir a caleixóns sen saída”, advertiu, criticando un proceso de licitación envolvido en “evidentes sospeitas de irregularidades” e cunhas bases que “parecían ser elaboradas ad hoc para este concerto”.

Desde o BNG reclaman ao Goberno municipal que dea explicacións. “Quen se quixo apuntar o éxito de traer aos Guns N’ Roses a Vigo ten que dar agora a cara”, esixiu Igrexas interpelando directamente a Abel Caballero.

O BNG de Vigo demanda que as bolsas de comedor se resolvan antes do inicio de curso