O BNG de Vigo denuncia que o Goberno municipal se nega a informar sobre o “pantallazo” de Caballero no concerto de David Guetta

Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo

A fronte nacionalista presentará un recurso de reposición contra unha resolución que vulnera dereitos fundamentais e insiste na “opacidade antidemocrática”

Xabier P. Igrexas: “É inaceptábel que o Goberno de Abel Caballero se negue a dar explicacións sobre un feito tan grave como é que se use un concerto pagado co diñeiro do Concello para enxalzar a imaxe do propio alcalde”

O BNG de Vigo denuncia que o Goberno municipal se nega a informar sobre o “pantallazo” de Caballero no concerto de David Guetta
Proxección de Abel Caballero no concerto de David Guetta
Proxección de Abel Caballero no concerto de David Guetta
Desde o Bloque Nacionalista Galego denuncian que o Goberno municipal de Abel Caballero vén de negarse a informar sobre a “escandalosa” proxección na pantalla xigante do concerto de David Guetta, celebrado o pasado 20 de agosto no Auditorio de Castrelos, de imaxes en vídeo de Abel Caballero co rótulo sobreimpresionado de “o mellor alcalde do mundo”.

Así o trasladou publicamente o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que deu conta de que a fronte nacionalista rexistrara un escrito no que demandaban formalmente, ao abeiro do artigo 9 do Regulamento Orgánico do Pleno, que se informase de se houbera algún tipo de indicación, instrución ou suxestión por parte do Gabinete de Alcaldía ou de calquera outro departamento ou persoal municipal en relación a esa proxección. 

No escrito tamén se solicitaba que se aclarara se se tivera coñecemento previo da mesma e se contara ou non con autorización municipal. Ademais, reclamaban información sobre que medidas se adoptaran ou se tiñan previsto adoptar para aclarar o sucedido e depurar responsabilidades pola utilización descaradamente partidista dun acto público do Concello de Vigo en favor do culto á personalidade do alcalde.

“Esa solicitude de información vén de ser sorprendente e ilegalmente desestimada por parte do Goberno municipal alegando non ter obriga de emitir un informe, o que supón unha clara vulneración dos dereitos fundamentais que como concelleiro, e por tanto como representante electo, me amparan”, afirmou.

O portavoz municipal nacionalista anunciou que os servizos xurídicos do BNG están a ultimar un recurso de reposición que será presentado o vindeiro luns contra esa resolución que insiste na “opacidade antidemocrática”. 

“É inaceptábel que o Goberno de Abel Caballero se negue a dar explicacións e impida o acceso a información sobre un feito tan grave como é que se use un concerto pagado co diñeiro do Concello para enxalzar a imaxe do propio alcalde”, remachou Igrexas.

O BNG de Vigo denuncia que o Goberno municipal se nega a informar sobre o “pantallazo” de Caballero no concerto de David Guetta