O BNG de Vigo leva a Pleno a retirada do busto e retratos de Juan Carlos I e o cambio de nome da praza do Rei

Xabier P. Igrexas: “Diante de comportamentos presuntamente corruptos e inmorais, o Rei Emérito merece o reproche e o rexeitamento democrático”.

Unha recente proxección demoscópica recolle que preto de 6 de cada 10 viguesas e vigueses apoian a retirada de retratos do Rei Emérito e unha maioría repúblicana na cidade.

O BNG de Vigo leva a Pleno a retirada do busto e retratos de Juan Carlos I e o cambio de nome da praza do Rei

 O Bloque Nacionalista Galego anunciou esta mañá que levarán ao vindeiro Pleno do Concello de Vigo, previsto para o mércores 1 de xullo, unha moción na que demandan a retirada do busto de Juan Carlos I, instalado na entrada da casa consistorial, a retirada de todas as imaxes do Rei Emérito que continúen penduradas en dependencias municipais e que se inicie o proceso para o cambio de nome da Praza do Rei.

"Diante de comportamentos presuntamente corruptos e inmorais, o Rei Emérito merece o reproche e o rexeitamento democrático, tal e como expresaron millares de viguesas e vigueses que fixeron resoar a súa indignación nunha impresionante cazolada o pasado 18 de marzo, en pleno confinamento polo coronavirus", defendeu o concelleiro do Bloque na cidade olívica, Xabier P. Igrexas. Na moción nacionalista fan alusión aos sucesivos escándalos que envolven a figura de Juan Carlos I, desde o caso Noos, a cazaría de elefantes en Bostwana, as revelacións de Corinna Larssen, ou a súa investigación por presuntos de delitos branqueo de capitais, cobros de comisións e fraude fiscal.

Ademais, para o nacionalista resulta "inconcebíbel que en pleno século XXI a xefatura de Estado sexa asumida por razón de sangue e nacemento". Neste sentido, Igrexas apuntou que unha recente proxección demoscópica (*) recolle que "preto de 6 de cada 10 viguesas (*) e vigueses son partidarias da retirada dos retratos de Juan Carlos I, e somos maioría a cidadanía de Vigo que apostamos por unha forma de Estado republicana fronte unha monarquía anacrónica".

O portavoz municipal do Bloque sostén que se trata dunha "cuestión simbólica pero enormemente importante fronte a feitos como presunto comisionismo ilegal e unha conduta nada exemplar require dunha resposta institucional, e non hai ningún motivo para que o busto do Rei Emérito continúe a presidir a praza do Concello". O BNG xa pedira a retirada do busto o pasado mes de marzo e a través desta moción procura un acordo en firme do Pleno.

 

(*) Datos do panel de Electomanía: https://electomania.es/epmonarquia23j20/ e https://electomania.es/epmonarquiarepublica22j20/

O BNG de Vigo leva a Pleno a retirada do busto e retratos de Juan Carlos I e o cambio de nome da praza do Rei