O BNG de Vigo pide fiscalizar as contratas municipais polos continuos incumprimentos dos pregos e dos dereitos laborais

Xabier P. Igrexas, concelleiro e candidato do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas, concelleiro do BNG en Vigo, en rolda de prensa

A fronte nacionalista propón constituír un Observatorio da Contratación para “meter en cintura” estas empresas que xestionan unha parte moi importante do orzamento municipal

Denuncia o “ronsel infinito” nos últimos meses con conflitos no Servizo de Axuda no Fogar, na limpeza de dependencias municipais e dos colexios públicos, no mantemento de zonas verdes, no bus urbano e na recollida do lixo

Xabier P. Igrexas: “O goberno de Caballero ten que deixar de ser aliado e cómplice das grandes concesionarias e defender a calidade dos servizos públicos e o interese xeral da cidade”

O BNG de Vigo pide fiscalizar as contratas municipais polos continuos incumprimentos dos pregos e dos dereitos laborais

O Bloque Nacionalista Galego pide fiscalizar as contratas do Concello de Vigo ante os continuos incumprimentos dos contratos públicos e dos dereitos laborais en numerosos servizos de titularidade municipal. A fronte nacionalista vén de propoñer a constitución dun Observatorio da Contratación que permita “meter en cintura” a estas empresas privadas que xestionan unha parte moi importante do orzamento do Concello.

“Non podemos consentir que empresas que reciben cada ano moitos millóns de euros todas as viguesas e os vigueses incumpran cos contratos públicos, non se axusten aos pregos de adxudicación e intenten impoñer condicións cada vez máis precarias no seu persoal”, defendeu o concelleiro do BNG en Vigo, que denunciou o “ronsel infinito” nos últimos meses con conflitos no Servizo de Axuda no Fogar, na limpeza de dependencias municipais e dos colexios públicos, no mantemento de zonas verdes, no bus urbano e o máis recente na recollida do lixo.

Igrexas esixiu neste sentido unha rectificación do Goberno municipal, a quen acusou de actuar como aliado das empresas privadas. “O goberno de Caballero ten que deixar de ser cómplice das grandes concesionarias e defender a calidade dos servizos públicos, o interese xeral da cidade e o respecto escrupuloso dos dereitos laborais”, reclamou o edil nacionalista. O concelleiro do Bloque apuntou que o Observatorio da Contratación é un instrumento que xa existe noutros concellos.

“Pode ser unha ferramenta útil para acabar con esta barra libre das grandes contratas, que sacan un enorme lucro desta situación en prexuízo da cidade, do seu propio persoal e do Concello de Vigo”

Este órgano tería por cometido inspeccionar e auditar de maneira continuada o funcionamento de todos os servizos municipais baixo xestión privada, velando polo estrito cumprimento dos pregos e contratos de adxudicación e o respecto aos dereitos laborais.

Ademais, Igrexas insistiu na necesidade de constituír de maneira inmediata a Comisión Informativa de Vixilancia da Contratación, obriga recollida no Regulamento Orgánico do Pleno que o Goberno local vén incumprindo de maneira reiterada.

O BNG de Vigo pide fiscalizar as contratas municipais polos continuos incumprimentos dos pregos e dos dereitos laborais