O BNG de Vigo pide que unha nova indemnización a Vitrasa non sexa “un cheque millonario para unha saída en falso”

A fronte nacionalista lembra que o Concello xa indemnizou á concesionaria con case 6 millóns polas reducións de servizo durante a pandemia e lle “agasallou” unha prórroga de 5 anos

Demandan que o Alcalde, ademais de pedir a desconvocatoria da folga indefinida, esixa a Vitrasa a retirada das sancións pola folga contra varios traballadores/as e membros do Comité de Empresa e a fin da represión antisindical

Xabier P. Igrexas: “O persoal de Vitrasa non leva máis de 2 anos mobilizándose para que Caballero rescate co diñeiro de todas e todos a conta de resultados da empresa. Ou se melloran as condicións laborais e de servizo ou o conflito moi probabelmente continuará”

O BNG de Vigo pide que unha nova indemnización a Vitrasa non sexa “un cheque millonario para unha saída en falso”

Diante do anuncio realizado hoxe polo Alcalde de Vigo, Abel Caballero, a respecto dunha nova indemnización a Vitrasa por causa do presunto desequilibrio económico da concesión do servizo de bus urbano da cidade, desde o Bloque Nacionalista Galego advirten de que a mesma non pode ser “un cheque millonario para unha saída en falso” do conflito laboral aberto desde hai máis de dous anos.

O Portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, lamentou que inda non se coñeza “nin o informe técnico e xurídico nin o importe” da compensación anunciada por Caballero. No entanto, lembrou que Vitrasa xa recibiu case 6 millóns de euros de indemnizacións polas reducións de servizo ditadas durante a pandemia da Covid19, ao que adicionalmente se sumou unha prórroga de 5 anos da concesión.

“A lei estabelece que para compensar pódese facer a través de indemnización ou de prórroga, Abel Caballero, agasallou a Vitrasa con ambas e agora anuncia unha nova compensación económica”, explicou. Aliás, recordou que cada ano o Concello transfire á empresa concesionaria 13 millóns de euros en concepto de subvención polas tarifas bonificadas, o que representa case o 50% do custe de explotación total do servizo declarado por Vitrasa.

Posta en escena para o acendido de Nadal

Igrexas celebrou que “por fin o Alcalde dea un paso para desbloquear o conflito, despois de meses poñéndose de perfil, pero sempre a carón de Vitrasa, e de menosprezar os traballadores e traballadoras do servizo de bus da cidade, con provocacións ofensivas como a da semana pasada no HALO”. Porén, o portavoz municipal nacionalista esixiu que “este paso á fronte sexa máis que unha posta de escena para intentar evitar que a folga de buses coincida co acendido do alumeado de Nadal”.

Desde o BNG demandan un “compromiso real e firme do Concello para implicarse na solución do conflito en Vitrasa que ten que pasar, si ou si, por atender as xustas reivindicacións do seu persoal e a fin dos incumprimentos laborais e do prego concesional por parte da empresa”. “De nada serve volver meter nos petos de Vitrasa varios millóns de euros se non hai avances reais na negociación do novo convenio colectivo para mellorar as condicións do persoal”, enfatizou.

Retirada das sancións

Para Igrexas, o chamado de Caballero a empresa e persoal a reiniciar as negociacións, foi “parcial e incompleto”. “Si se lle pide ao persoal que desconvoque a folga indefinida, hai que esixirlle tamén á empresa que retire de maneira inmediata e definitiva as sancións por causa da folga contra varios traballadores e traballadoras (entre eles membros do Comité de Empresa) con suspensións de emprego e soldo de 2 meses e a ameaza de despedimentos e que se poña fin á escalada de represión antisindical”, contrapuxo.

“O persoal de Vitrasa non leva máis de 2 anos mobilizándose para que Caballero rescate co diñeiro de todas e todos a conta de resultados da empresa. Ou se melloran as condicións laborais e de servizo ou o conflito moi probabelmente continuará”, advirte o portavoz municipal do BNG na cidade olívica.

O BNG de Vigo pide que unha nova indemnización a Vitrasa non sexa “un cheque millonario para unha saída en falso”