O BNG de Vigo traslada a súa disposición a colaborar co Goberno municipal para robustecer a resposta fronte a crise do coronavirus

SAVE_20191219_192443
SAVE_20191219_192443

A fronte nacionalista saúda positivamente as medidas anunciadas onte polo Concello.

Xabier P. Igrexas dirixiu un escrito con propostas ao alcalde e conversou esta mañá co portavoz do Goberno local expresando a súa vontade a “cooperar desde a máxima lealdade institucional”.

O BNG de Vigo traslada a súa disposición a colaborar co Goberno municipal para robustecer a resposta fronte a crise do coronavirus

O Bloque Nacionalista Galego saudou positivamente as medidas anunciadas onte polo alcalde en relación á crise sanitaria do coronavirus. O concelleiro, Xabier P. Igrexas,  trasladou ao Goberno municipal de Vigo a súa plena disposición a colaborar nesta materia. Igrexas dirixiu un escrito ao alcalde, Abel Caballero, e conversou a primeira hora da mañá co portavoz do Goberno municipal, Carlos López Font, transmitindo a vontade da formación nacionalista a cooperar “desde a máxima lealdade institucional” para fortalecer a resposta da cidade.

O edil nacionalista achegou tamén unha relación de propostas en positivo, co obxectivo de que se avalíen por parte do Goberno local. “Trátase de medidas que poden complementar e completar as liñas de actuación xa iniciadas, que contrastamos con persoal sanitario cualificado e que nalgúns casos xa se están a aplicar noutros concellos”, explicou.

Igrexas pediu que se poñan en marcha mecanismos de interlocución fluída entre o Goberno e todas as forzas políticas con representación para informar puntualmente da situación e poñer despregar unha resposta conxunta.

Desde o BNG defenden que os criterios reitores sob os que abordar a situación sexan “a priorización da saúde pública co obxectivo inmediato da contención da propagación do virus, a definición de medidas atendendo parámetros científico-sanitarios, a coordinación con outras administracións -singularmente co Servizo Galego de Saúde- e a transparencia e máxima pedagoxía social na implementación das medidas”.