Xabier P. Igrexas: “No 2020 o Concello de Vigo ten que pasar da política do autobombo a atender as necesidades reais da cidade”

  • O concelleiro do BNG en Vigo chama a dedicar máis medios e esforzos para facer fronte á situación de emerxencia social da cidade, apostar por unha mobilidade sustentábel e moderna, reverter a desertización cultural, redobrar os esforzos para despregar políticas radicalmente feministas e máis participación e diálogo.
  • “O mellor que lle pode pasar a  Vigo e a Galiza é desaloxar a Alberto Núñez Feixóo da Xunta”, defenden desde a fronte nacionalista, denunciando o “abandono deliberado” que o Partido Popular aplica contra a principal cidade galega. 
Xabier P. Igrexas: “No 2020 o Concello de Vigo ten que pasar da política do autobombo a atender as necesidades reais da cidade”

O BNG en troca de realizar un balanzo do ano que fecha quixo facer un “chamado en positivo” de cara ao 2020. Destarte, o concelleiro do Bloque na cidade olívica, Xabier P. Igrexas, resumiu os propósitos cos que a fronte nacionalista encara o ano na necesidade de que a política municipal pase “do autombombo permanente a atender as necesidades reais das viguesas e dos vigueses”. Igrexas, tamén apostou en que o 2020 sexa o ano que poña “punto e final” á política de “deliberado abandono” que a Xunta do Partido Popular practica contra a principal cidade de Galiza.

O portavoz municipal nacionalista criticou o “discurso triunfalista e de propaganda” co que o Goberno local valorou o ano 2019. Neste sentido, Igrexas, apelou a dedicar máis medios e esforzos a atender a situación de emerxencia social que padece a cidade, lembrando que en Vigo son 60 mil as persoas en risco de exclusión social e pobreza, segundo o índice AROPE, e que o número de desempregadas supera as 24 mil con “millares de mozas e mozos que tiveron que marchar á emigración por falla de oportunidades laborais”. 

Tamén defendeu a necesidade de “apostar nunha mobilidade sustentábel e con futuro” aproveitando a fin da concesión de Vitrasa para “mellorar radicalmente o servizo de autobús urbano e poñelo á altura dunha cidade de 300 mil habitantes”. 

“2020 ten que ser tamén o ano no que comezar a reverter a política de desertización cultural que padece a nosa cidade”, demandou o edil nacionalista, poñendo o foco no feche do Centro de Artesanía Tradicional (CAT) a inicios deste ano e sen local no que reabrir ou a decisión “por capricho do PSOE” de renunciar ao Centro Galego de Fotografía para o converter “nunha oficina da Deputación”. 

Outra das prioridades para o BNG é que se redobren esforzos en favor da igualdade efectiva entre mulleres e homes. “Temos que despregar políticas radicalmente feministas, pero non só no declarativo, senón sobre todo nos feitos”, esixiu. A este respeito volveu criticar que a pesar dos discursos o Goberno municipal decidiu gastar máis ano en chocolatadas de nadal (18 mil euros) que en campañas contra a violencia machista durante todo o ano (14 mil euros). 

Por outra parte, desde o BNG volven insistir na necesidade de que se poña en marcha unha Estratexia Local de Sustentabilidade. “A declaración de emerxencia climática que aprobamos por unanimidade no Pleno ten que deixar de ser un brinde ao sol, hai que tomar medidas e poñer recursos para apostar nun Vigo con futuro que só poderá ser verde”, reclama Igrexas. Unha estratexia que resume na necesidade de “reconciliar Vigo co seu medio natural”, elevando a protección ambiental dos montes, recuperando a faixa litoral e poñendo en valor o río Lagares. 

Aliás, para Igrexas o 2020 terá que ser tamén o ano “dunha emenda á totalidade do talante autoritario e da falta de diálogo”, con máis participación e “facendo que escoitar deixe de ser unha opción para se tornar nunha obriga democrática”. “O Concello de Vigo non pode atender só as persoas que votaron por Abel Caballero, hai que gobernar para toda a cidade, contando con todos e con todas”, demandou. 

Mudanza na Xunta

Para alén de expresar a reorientación que desexa para a política municipal, o portavoz do Bloque en Vigo reiterou a súa esixencia para que o vindeiro ano “se poña fin ao abandono deliberado que a Xunta do Partido Popular practica contra Vigo”. 

Igrexas demandou que se rectifiquen as políticas de privatización e recorte de servizos públicos, aplicadas polo executivo galego, así como a “permanente desatención das necesidades da principal urbe do noso País”. Ademais, expresou o seu convencemento de que o vindeiro ano materializarase unha mudanza política a nivel galego. “No BNG estamos certas e certos de que as viguesas e os vigueses, que o compromiso desta cidade, van ser determinantes para facer posíbel unha mudanza a nivel galego que poña fin ao nefasto goberno do PP. O mellor que lle pode pasar a  Vigo e a Galiza é desaloxar a Alberto Núñez Feixóo da Xunta”, remachou.