O BNG chama a participar masivamente na mobilización contra o TTIP

O BNG chama a participar masivamente na mobilización contra o TTIP

_A manifestación realizarase este sábado, día 10, e partirá ás 20h desde a Praza de Independencia.

_O Bloque fai parte da plataforma que convoca a protesta.

ttip

Vigo, 9 de outubro de 2015.- Este sábado, día 10, a cidade de Vigo acollerá unha manifestación contra os tratados de libre comercio. A marcha, que partirá ás 20h desde a Praza da Independencia, ten por lema "Comercio en beneficio do pobo, non das multinacionais". Esta protesta insírese dentro dunha campaña internacional de rexeitamento a acordos de libre comercio como o que actualmente están a negociar os EUA e a Unión Europea (TTIP). A mobilización está convocada pola Plataforma Non ao TTIP, integrada por colectivos sociais, forzas políticas e sindicatos, da que o BNG fai parte.

Desde o Bloque Nacionalista Galego fan un chamado ao conxunto da veciñanza de Vigo e da súa área, a participar masivamente nesta manifestación. O Bloque reitera a súa oposición a estes acordos transnacionais ao xulgar que só benefician ás grandes corporacións empresariais e financeiras, afectando moi negativamente ao tecido produtivo propio de cada territorio. Aliás, a fronte nacionalista denuncia que o TTIP é moito máis que un acordo comercial, e que de se aprobar suporá un duro recorte en dereitos sociais e laborais e profundará na privatización dos servizos públicos "liberalizándoos" para que o grande capital faga negocio con eles.

Soberanía

Alertan de que o TTIP, que se está a negociar de maneira secreta e antidemocrática, suporá colocar ao mercado, o lucro empresarial e financeiro, por acima da soberanía dos Estados, que verán limitada a súa capacidade de lexislar para non prexudicar os intereses económicos das grandes transnacionais. Feito que, no caso de Galiza, ao carecer de soberanía nacional, incidirá no agravamento da forzosa dependencia á que nos condena o actual deseño do Estado español e a nosa pertenza á UE e o euro, eivando a nosa capacidade de desenvolvemento.