O BNG demanda melloras substanciais no transporte aos centros de ensino do Meixoeiro

Xabier P. Igrexas: "Esiximos ao goberno municipal a equiparación do bono estudantil ao bono universitario”.

A fronte nacionalista, demanda un plan de mellora do transporte colectivo que solucione os problemas tanto coa Universidade como cos centros educativos do Meixoeiro.

O BNG demanda melloras substanciais no transporte aos centros de ensino do Meixoeiro

O BNG presentou publicamente esta mañá en rolda de prensa as demandas do estudantado dos centros de ensino do Meixoeiro relacionadas coas importantes eivas do transporte público a esta zona da cidade olívica. Durante o mes de novembro, a organización xuvenil do BNG, Galiza Nova, realizou unha enquisa entre estes 3.000 estudantes que pon de manifesto as carencias do transporte colectivo.Xabier P. Igrexas conversa co estudantado

“Oito de cada dez estudantes quéixanse de ter unha moi mala conexión para acudir cada mañá a aulas en transporte colectivo, máis da metade do estudantado ten que realizar viaxes de máis de media hora e un 70% deber realizar como mínimo un transbordo” apuntou Xabier P. Igrexas, candidato á alcaldía de Vigo.

Desde o BNG entenden que é necesaria unha aposta decidida por un transporte público de calidade, e unha mellora substancial en aspectos como a conexión cos centros de ensino do Meixoeiro, “resolvendo así as malas frecuencias, as pésimas conexións, os autobuses saturados en hora punta e a inexistencia de lanzadeiras”, unha situación que, en palabras do candidato do Bloque, “se ve vive tamén a diario nos enlaces da cidade coa universidade”.

Recollendo así as demandas do estudantado, o candidato do BNG ás eleccións municipais de 2019, esixe ao goberno municipal “un verdadeiro plan de transporte colectivo para Vigo que recolla a redución do bono estudantil na actualidade cun prezo de 0.89€, equiparándoo ao bono universitario de 0.67€, e que incentive o uso do transporte colectivo”.