O BNG expresa o seu total apoio ás traballadoras de Bershka na súa oitava xornada de folga

_O responsábel local do BNG de Vigo, Serafín Otero, participou nunha concentración coas traballadoras da firma téxtil. 
_Trasladará a situación de “discriminación e explotación laboral” á Comisión Europea a través dunha iniciativa da voceira do BNG en Bruxelas, Ana Miranda.

O BNG expresa o seu total apoio ás traballadoras de Bershka na súa oitava xornada de folga

“Estamos aquí para expresarlles en primeira persoa ás traballadoras de Bershka o total apoio do Bloque Nacionalista Galego ás súas reivindicacións e para recoñecer publicamente a súa loita”. Así explicaba o responsábel local do BNG, Serafín Otero, a súa presenza canda outros e outras dirixentes da fronte nacionalista nunha concentración realizada esta mañá ás portas dun dos estabelecementos da firma do grupo Inditex en Vigo. 

“Cando se cumpren oito días desta folga, temos, en primeiro lugar, que aplaudir a firmeza e o compromiso destas traballadoras, que a pesar da precariedade laboral están resoltas a loitar até o final para poñer fin a unha situación de discriminación absolutamente intolerábel”, acrecentou Otero. O Bloque asume, desta maneira, as reivindicacións da folga promovida pola CIG e urxe unha solución. “Un grupo multimillonario que hoxe mesmo está a repartir dividendos non pode negarlle ás traballadoras de Bershka un aumento salarial máis que merecido”, defenden. 

Denuncia en Bruxelas

Esta problemática será trasladada á Comisión Europea. Así o anunciou esta mañá a voceira do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, quen tamén participou na concentración e mantivo un encontro coas traballadoras e coa secretaria nacional de CIG-Servizos, Transi Fernández. Miranda presentará con carácter inmediato unha iniciativa dirixida ao Comisario de  Economía. “Despois do informe sobre elusión fiscal de  Inditex que presentou recentemente o grupo parlamentar europeo do que o BNG fai parte, Imos poñer en coñecemento da Comisión Europea esta evidente situación de explotación laboral”, explicou Miranda.

Complicidade da Xunta

Por outra parte, o BNG tamén puxo o foco na inacción ”cómplice” da Consellaría de Traballo diante deste conflito. “A Xunta continúa sen exercer como autoridade laboral en Galiza e volvemos ver como optar por darlle as costas ás traballadoras por non se enfrontar ao grande empresariado”, denuncia Otero. A formación nacionalista estuda dar traslado desta problemática tamén ao Parlamento galego.