ÁREA METROPOLITANA

O BNG responsabiliza a PP e PSOE do fracaso da Área Metropolitana de Vigo

Serafín Otero, responsábel local do BNG
Serafín Otero, responsábel local do BNG

_“De tanto lanzala uns contra outros acabaron por romper a Área” denuncia Serafín Otero.

_A fronte nacionalista reitera a súa exixencia a retornar ao consenso e o acordo institucional para evitar que a AMV esmoreza definitivamente.

O BNG responsabiliza a PP e PSOE do fracaso da Área Metropolitana de Vigo

O anuncio do alcalde de Vigo, Abel Caballero, de que pon en suspenso a recén constituída Área Metropolitana de Vigo e deixa sen efecto o convenio para a incorporación da cidade no transporte metropolitano, constata o fracaso do proxecto metropolitano, do que o BNG responsabiliza directamente tanto ao PP como o PSOE.

“A irresponsabilidade de Partido Popular e Partido Socialista, que utilizaron a área metropolitana como campo de batalla na súa guerra partidista, colocou un proxecto estratéxico para Vigo e a súa contorna nun punto morto de moi difícil recuperación”, alerta o responsábel local do BNG de Vigo, Serafín Otero.

Otero, asegura que esta situación demostra que “como dixo o BNG, a vía da xudicialización e a confrontación institucional” era un canellón sen saída, que empurraba á Área a fracasar antes de ter dado os seus primeiros pasos. “O contencioso presentado pola Xunta foi a confirmación de que o PP quixo sabotar a Área Metropolitana de Vigo ao comprobar que non estaba baixo o seu control”, denuncia.

Por outra parte, desde a fronte nacionalista critican con dureza que nin PP nin PSOE respectasen o consenso atinxido entre concellos, con gobernos de diferente signo político, e Xunta para a reforma da Lei da Área Metropolitana. “De tanto lanzala uns contra outros, acabaron por rachar a Área, traizoando a demanda da veciñanza que leva anos reclamando unha articulación metropolitana que se traduza en máis e mellores servizos públicos”, sentencian.

No entanto, desde o Bloque aseguran que seguirán a traballar para que a Área Metropolitana de Vigo sexa unha “realidade efectiva” canto antes, para o que seguirán a defender a recuperación do “consenso e o acordo institucional”, desde a certeza de que “ou todos e todas empurramos xuntas na mesma dirección ou a Área fracasará unha e outra vez”. Nese sentido, Otero lembra que foi o BNG quen levou ao Parlamento de Galiza recentemente unha iniciativa chamada a desbloquear a situación creada na Área, na que se demandaba a retirada do contencioso administrativo da Xunta, a resolución pactada para a incorporación de Vigo no transporte metropolitano e o retorno ao consenso. “É evidente que na práctica nin PP nin PSOE quixeron avanzar nese camiño, o que cuestiona até que punto estes partidos crén de verdade na necesidade da Área”.