Imprimir

O BNG critica a enquisa “paripé” de Vitrasa e demanda unha auditoría municipal do servizo de autobús urbano

BNG Vigo | 07 de Outubro de 2018

  • A enquisa que se está a realizar nos últimos días nos autobuses urbanos de Vigo non pregunta ás persoas usuarias sobre frecuencias, horarios, traxectos, tarifas ou a comodidade e seguridade da viaxe. 
  • O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, demandou ao Goberno municipal que poña en marcha unha auditoría municipal do servizo “para coñecer as importantes melloras que necesita”

EnquisaVitrasa01Para o BNG de Vigo a enquisa que está a realizar Vitrasa, como empresa concesionaria, ás persoas usuarias do servizo de transporte urbano da cidade é un “paripé”. A fronte nacionalista denuncia que nas 8 preguntas que compoñen o cuestionario, a meirande parte destas refirense a cuestións que a empresa xa coñece polos medios de control do acceso ao autobús (uso dos diferentes tipos de bono, transbordos, etc.). Pola contra, a enquisa non recolle nin unha soa pregunta referida a aspectos fundamentais que si permitirían avaliar de verdade o funcionamento do servizo e poder implementar melloras.

 “En que clase de enquisa sobre o autobús non se che pregunta nin sobre as frecuencias, nin sobre os horarios, nin sobre os tempos de traxecto, nin sobre o prezo ou a comodidade e seguridade dos buses? Nunha enquisa paripé, que é o que está a facer Vitrasa”, criticou o candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas. "Claramente o formulario, que ademais se distribúe só en castelán desprezando máis unha vez o noso idioma, só procura lavar a cara da concesionaria despois de que hai poucas semanas un estudo sinalase que o autobús é o servizo peor valorado polos vigueses e polas viguesas”, acrecentou. 

Igrexas demanda que o Goberno municipal poña en marcha unha auditoría municipal do funcionamento do servizo, que permita obxectivizar as importantes deficiencias e eivas que arrastra e que son obxecto de queixa reiterada polas persoas usuarias. “A piques de concluír a actual concesión é o momento idóneo para someter un servizo que é da máxima importancia para a veciñanza a un estudo profundo”, explicou.

“Unha cidade do tamaño de Vigo, pola súa poboación e por territorio, non pode seguir tendo un autobús de terceira división, con buses cada 45 minutos ou cada hora, sen apenas servizo en fin de semana e con barrios e parroquias illados”, sostén o candidato nacionalista. Emporiso, desde o BNG reiteran a necesidade de aplicar unha mellora substancial no servizo, tanto nas frecuencias como na revisión do actual mapa de liñas, entre outros. 
 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/goberno-local/bng-critica-enquisa-paripe-vitrasa-demanda-auditoria-municipal-do-servizo-autobus-urbano/20181007121944003839.html


© 2018 Bloque Nacionalista Galego de Vigo

Bloque Nacionalista Galego de Vigo

Rúa Celso Emilio Ferreiro 3, baixo
36203, Vigo (GALIZA)
Teléfono: +34986447300
Correo: vigo.cidade@bng.gal