Imprimir

O BNG esixe que o Concello de Vigo actúe para garantir que o persoal de seguridade da Rede Museística cobre os seus salarios

BNG Vigo | 13 de agosto de 2019

  • O persoal da empresa A1, adxudicataria dos servizos de seguridade, non percibiu a nómina de xullo malia ter recibido o pagamento do Concello.
  • O concelleiro, Xabier P. Igrexas, demanda maior rigor na elaboración dos pregos de contratación para evitar “baixas temerarias encubertas”, e que o Goberno municipal fiscalice con maior firmeza o cumprimento das obrigas laborais das empresas que reciben fondos do Concello.

O persoal de seguridade que traballa nas instalacións da  Rede Museística da cidade (museo Quiñones de León, Pinacoteca, Francisco Fernández del Riego, Casa das Artes e Casa Galega da Cultura), inda non percibiu a nómina correspondente ao mes de xullo. Este impago, que se produce malia o Concello ter abonado puntualmente as cantidades preceptivas á empresa de seguridade A1, adxudicataria do servizo, supón un grave incumprimento do prego de contratación e dos artigos 201 e 211 da Lei de contratos públicos (RD 9/2017 de 8 de novembro). 

Esta mañá o concelleiro do BNG, Xabier P. Igrexas, interesouse pola situación do persoal afectado e recolleu, en conversas coa representación sindical, a súa preocupación pola falla de resposta da empresa. “O persoal de seguridade dos museos da cidade non cobrou o mes pasado e a empresa nin lles colle o teléfono”, alertou Igrexas que lamentou a falla de reacción do Goberno local. 

“Estes traballadores están contratados por unha empresa privada pero que recibe puntualmente pagos municipais e desenvolven un servizo para o Concello. É impresentábel que o Goberno municipal permita que este tipo de incumprimentos se produzan”, lamentou o voceiro nacionalista.

Igrexas esixiu que desde a concellaría de Cultura, que dirixe Abel Losada, se actúe de inmediato para asegurar que a empresa adxudicataria cumpre coas súas obrigas. “Se esa empresa non paga de inmediato o salario que adebeda, o Concello terá que abrir expediente para resolver esa adxudicación”, reclama.

Falla de control

Aliás, desde o Bloque demandan maior rigor na elaboración dos pregos de contratación para evitar “baixas temerarias encubertas”. “Son cada vez máis frecuentes as empresas que se fan con adxudicacións e contratos municipais ‘pirateando’. Non son empresas low cost como di o Goberno cando presume do presunto aforro, son baixas temerarias encubertas que o que acaban provocando son precariedade laboral e precariedade no servizo”, advirte Igrexas.  

A fronte nacionalista pide tamén que o Goberno Municipal fiscalice con maior firmeza o cumprimento das obrigas laborais de todas as empresas contratadas polo Concello. “Son demasiados xa os casos de empresas que reciben diñeiro do Concello e que non cumpren cos pregos. Vímolo na XER, estámolo vendo nos socorristas e agora o persoal de seguridade dos museos. O Goberno municipal ten que deixar de ollar a outro lado, porque a súa inacción faino cómplice”, afirmou Igrexas.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/goberno-local/bng-esixe-concello-vigo-actue-garantir-persoal-seguridade-da-rede-museistica-cobre-seus-salarios/20190813165616004258.html


© 2019 Bloque Nacionalista Galego de Vigo

Bloque Nacionalista Galego de Vigo

Rúa Celso Emilio Ferreiro 3, baixo
36203, Vigo (GALIZA)
Teléfono: 986447300
Correo: vigo.cidade@bng.gal 

facebook twitter youtube whatsapp telegram instagram flickr