O Bloque reclama medidas que alivien a presión tributaria para os máis desfavorecidos
A voceira municipal do BNG, Iolanda Veloso, valorou como razoábel o anuncio de conxelación das taxas municipais para o vindeiro ano, dada a situación que padece a cidadanía, pero lle lembra ao alcalde a obriga de cumprir os compromisos adquiridos e aínda pendentes de executar.
O grupo municipal do BNG quere lembrar que a conxelación da tarifa da auga, obtida a iniciativa deste grupo municipal, tiña aparellado o compromiso do goberno local de presentar un estudo dunha nova tarificación do consumo da auga na nosa cidade, e desa nova tarificación por tramos nunca máis se soubo. Tamén lembran no grupo municipal que a conxelación da tarifa de Vitrasa foi unha proposta de esta forza política, e que é necesario adaptar estas tarifas á situación socioeconómica dos usuarios e usuarias deste servizo público.
A portavoz municipal asegurou nesta primeira valoración, que aínda hai que ver o texto do proxecto de taxas municipais: Máis aló da conxelación, faremos propostas de exencións e reducións para aliviar a presión tributaria sobre as persoas que peor o están a pasar.
Segundo a concelleira do BNG, a actitude do PP neste asunto é unha hipocresía, porque se o IPC xa non serve para actualizar os salarios ou as pensións, tampouco o IPC pode ser o criterio de actualización das taxas municipais.