O BNG acusa á Xunta de penalizar Vigo nas contas de 2013 ao esquecer partidas prometidas
As emendas do Bloque aos orzamentos autonómicos superan os 39 millóns e céntranse no fomento do emprego e servizos sociais, Cidade da Xustiza, túneis de Beiramar e Xulián Estévez, Marco e Centro Galego de Fotografía
A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, e a deputada Carme Adán acusaron á Xunta de penalizar politicamente a Vigo nos orzamentos para 2013, ao non contar con partidas xa presentes outros anos e aínda sen executar nin con propostas para sectores como automoción, téxtil ou naval. As emendas presentadas hoxe por Adán e Veloso, que superan os 39 millóns, precisamente teñen como obxectivo fomentar a creación de emprego e os servizos sociais, priorizar as infraestruturas necesarias e impulsar algúns dos referentes culturais da cidade.
Os orzamentos son unha mostra da vontade política da Xunta, porque os números non minten, subliñou Carme Adán. Ao seu xuízo, esa vontade política móstrase no esquecemento de partidas prometidas ou presentes outros anos como a Cidade da Xustiza ou os túneis de Beiramar e Xulián Estévez.
A deputada nacionalista criticou que nas contas para o vindeiro exercicio non hai ningunha partida para frear a destrución de emprego, pese aos alarmantes datos do incremento do paro en Vigo. Denunciou asemade que non hai partidas para o naval, o téxtil ou a automoción, sectores claves para a economía viguesa.
Carme Adán ironizou que mentres nos plans da Xunta figura un Impulsa Ferrol, para Vigo non hai ningunha iniciativa destinada a impulsar Vigo. É necesario un cambio de rumbo e facer orzamentos que prioricen o emprego e igual a Sociedade Galega de Infraestruturas ten que decrecer, salientou.
Emprego e servizos sociais
Iolanda Veloso, pola súa banda, destacou que as emendas nacionalistas están baseadas en dous criterios fundamentais para o BNG nestes momentos, como son a creación de emprego e os servizos sociais, con emendas que superan os 11,4 millóns.
Neste sentido apuntou que as iniciativas do Bloque manteñen a liña defendida a respecto dos orzamentos municipais e salientou que o BNG propón investir 6 millóns nun Plan de Emprego que complemente a resposta que ofrece o Plan Municipal diante do continuo aumento das cifras de paro na cidade.
Precisamente a este respecto lembrou as palabras de Santi Domínguez nos plenos, cando instaba a Xunta e Deputación a investir en creación de emprego a mesma cantidade que contemplada nos orzamentos municipais. Na mesma liña, o BNG propón dedicar 3,2 millóns nun Plan de Compensación contra a crise, que permita ás familias máis desfavorecidas realizar consumo básico de alimentos, roupa, material escolar e medicamentos en pequenos e medianos comercios da cidade.
Preocupación polos maiores
A portavoz municipal nacionalista salientou a preocupación do BNG polas persoas maiores, polo que se recolle a necesidade de abrir máis centros de día en Vigo, en concreto na zona centro, no Calvario e en Cabral, cunha contía de 710.103 euros cada un.
Con esta iniciativa recollemos a proposta feita polo PP nos orzamentos municipais e lle damos traslado á Xunta de Galiza, por ser esta a administración que ten competencia neste servizo, explicou.
A portavoz do BNG comentou asemade que a preocupación polas persoas maiores tamén se reflicte na proposta de que a Xunta inclúa nos seus orzamentos o servizo de teleasistencia. Lembrou que tras os recortes do Imserso, 580 persoas de Vigo quedaron sen este servizo e que non reciben ningún servizo por parte da Xunta ao non teren recoñecida a dependencia e non ser usuarias de centros de día.
Entendemos que teñen o mesmo dereito a ter garantido o benestar social por parte da Xunta como calquera outra persoa e que precisan unha solución, pois é un servizo do que pode depender a súa vida, dixo Veloso, quen asegurou que é unha cantidade ridícula, 150.000 euros, o custe deste servizo comparado con outros. Non podemos manter eternamente esta lea política e ter así a xente, apuntou.
Priorizar infraestruturas
A respecto do impulso ás infraestruturas, para o que o BNG reclama 26,9 millóns, Iolanda Veloso afirmou que cómpre priorizar as aquelas que son precisas para o dinamismo económicos e atender servizos básicos, como é a xustiza gratuita. Así, sobre a Cidade da Xustiza, que destacou que é unha infraestrutura fundamental para garantir o acceso á xustiza de toda a cidadanía viguesa, o BNG quere reclamarlle a competencia a quen a ten, polo que propón incluir unha partida de 2.250.000 euros.
O túnel de Beiramar, con 12 millóns, e o de Xulián Estévez son outras das dúas infraestruturas que a portavoz municipal considerou indispensabeis para o desenvolvemento da cidade. No primeiro caso criticou que en xaneiro de 2011 o actual conselleiro de Medio Ambiente e por entón candidata á Alcaldía anunciaran que no 2014 estaría lista esta obra. Semella parte da campaña electoral de Corina Porro, ironizou.
A respecto do túnel de Xulián Estévez, para o que se demandan 11,5 millóns, considerou que se trata dunha infraestrutura fundamental para a viabilidade da Cidade da Xustiza e o desenvolvemento do barrio de Teis, do que o Concello non fixo seu traballo. A conversión do tramo da AP9 entre Redondela e Vigo, con 200.000 euros, e a promoción do transporte público, cun millón de euros, son as outras dúas iniciativas que centran as demandas nacionalistas en infraestruturas.
Referentes culturais
Finalmente, Iolanda Veloso demandou á Xunta o respaldo a dous dos principais referentes culturais da cidade, como son o Centro Galego de Fotografía e a Fundación Marco. No primeiro caso, para o que se demandan 500.000 euros, a nacionalista salientou que precisa de orzamentos para trasladar os arquivos fotográficos de Pacheco, Ksado e Llanos, así como a colección Vigovosións, e comezar a súa actividade.
No tocante á Fundación Marco, a portavoz nacionalista salientou que cómpre garantir a continuidade dun museo que é referente cultural de Vigo e de Galiza no exterior. Precisamente a este respecto Carme Adán ironizou coa preocupación que mantiña López Chaves sobre este museo.