O BNG propón un frente común na UE en defensa do Porto de Vigo como infraestrutura principal

O BNG propón un frente común na UE en defensa do Porto de Vigo como infraestrutura principal

O BNG propón un frente común no Parlamento Europeo en defensa do Porto de Vigo para acadar que sexa incluído como infraestrutura nodal dentro da Rede Transeuropea de Transportes (RTE-T) 2014-2020.

"Aínda estamos a tempo de logralo e de corrixir o abandono do Goberno español, dun signo político e doutro, cuxa última mostra foi a decisión de PP e PSOE de deixar caer o Porto de Vigo na Comisión de Transportes da Eurocámara preferindo apoiar infraestruturas doutras partes do Estado", salientou a eurodeputada Ana Miranda.

Para conseguir que Vigo teña o trato que se merece hai que "sumar apoios políticos" no Plenario no que se vote o documento da RTE-T, posiblemente no mes de marzo, e con esa intención o BNG vai presentar unha emenda na que reclama a inclusión do Porto de Vigo na rede nodal. Con esa intención de "sumar" a favor de Vigo, Miranda remitiu unha carta aos portavoces do PP e do PSOE na Comisión de Transportes.

En aras de recabar o apoio dos Grupos dos populares e socialistas europeos, o BNG propón a presentación dunha emenda conxunta ou calquera outra fórmula de consenso.

“O obxectivo do BNG non é que se vote a súa emenda, senón lograr colocar ao Porto vigués no primeiro nivel, polo que tamén propoñemos aos eurodeputados españois dos grupos maioritarios na Cámara presentar unha emenda conxunta, propoñemos sumar esforzos políticos para conseguir que o Porto de Vigo saía do Parlamento Europeo convertido nunha infraestrutura nodal dentro da RTE-T, e así llo comunicamos por escrito", salientou Miranda. "É unha cuestión de país, non se trata de protagonismos, nin de quen sexa o autor da emenda", concluíu Miranda.

Traballo en todas as administracións

Na comparecencia, coa presenza da portavoz municipal, Iolanda Veloso, e das deputadas Carme Adán e Olaia Fernández, o BNG explicou o traballo que estaba a desenvolver desde as diferentes Administracións. Neste sentido, Adán denunciou a "falla de compromiso" do presidente da Xunta sen que a día de hoxe se teña pronunciado sobre este tema "vital" para a primeira cidade do país. "O Sr. Feijóo ten que dar a cara polo Porto de Vigo e deixar de mirar cara outro lado", reclamou.

Do mesmo xeito, Iolanda Veloso lamentou a inoperancia e a pésima xestión levada a cabo por populares e socialistas, e lembrou ao alcalde que as súas "declaración grandilocuentes sen repercusión real" nada aportan a Vigo nin ao seu porto, un dos motores económicos da cidade. É clave ser porto nodal, en termos de investimentos e de competitividade, lembrou a portavoz municipal.

Igualmente, tamén o Goberno central debe amosar o seu apoio real non meramente retórico, razón pola que Davila reclamou a ministra de Fomento, Ana Pastor, que garantice o apoio do seus eurodeputados na sesión plenaria, "porque o do BNG xa está garantido de cara a esta oportunidade que non podemos desperdiciar de novo", indicou.

 

O BNG propón un frente común na UE en defensa do Porto de Vigo como infraestrutura principal