O BNG denuncia que Feijóo volve a burlarse de Vigo nas contas para 2013
Carme Adán e Santi Domínguez denuncian a desaparición da Cidade da Xustiza e do túnel de Xulián Estévez dos orzamentos da Xunta e a falta de compromiso coa creación de emprego
A deputada Carme Adán e o portavoz municipal do BNG, Santi Domínguez, fixeron este sábado unha primeira valoración dos orzamentos da Xunta para 2013 a respecto dos investimentos para Vigo. Segundo subliñan os nacionalistas, Feijóo volve a burlarse de Vigo nas contas para 2013.
Santi Domínguez denunciou que os orzamentos para o vindeiro exercicio manteñen a política discriminatoria do goberno galego a respecto da nosa cidade. Neste sentido salientou que as contas autonómicas non contemplan a Cidade da Xustiza nin o túnel de Xulián Estévez, ao seu xuízo dous proxectos fundamentais para o desenvolvemento de Vigo.
Precisamento a respecto da Cidade da Xustiza, Carme Adán critica que esta dotación desaparece definitivamente dos orzamentos da Xunta mentres o resto de cidades galegas reciben importantes partidas para dar desposta ás necesidades xudiciais.
O portavoz municipal do BNG tamén critica que o MARCO non recibe o financiamento que necesita. A Xunta deixa na estacada a un dos museos con mayor número de visitantes de Galiza, mentres o Gaiás segue a consumir unha parte substancial do orzamento de cultura, destaca.
Para Santi Domínguez resulta lamentable a falta de preocupación da Xunta no eido social, fundamental neste momento de crise. O nacionalista critica as contas elaboradas polo goberno galego non inclúan partidas para arranxar os comedores escolares nin para asumir a xestión dos existentes, e incluso se aminora a axuda que agora se concede ás ANPAS, denuncia.
Sen medidas para crear emprego
A deputada no Parlamento galego subliña, por outra parte, a falta de compromiso do goberno galego coa creación de emprego. Carme Adán denuncia que na cidade co índice de paro máis alto de Galiza non se contempla ningunha medida para a crear emprego.
Con estes orzamentos a economía galega seguirá en recesión no ano 2013 e e tamén no 2014, asegura Adán, para quen non hai medidas claras para o sector industrial que permitan que Vigo saia da situación de paro e pobreza á que está abocada con estes orzamentos.
A deputada nacionalista considera que aínda que a propaganda oficial pretende presentar estas contas como os orzamentos dun cambio de estratexia cara a políticas de crecemento, cun Fondo de Crecemento dotado con 386 millóns de euros, a realidade é que non hai tal cambio de estratexia e o único obxectivo é a reducción do déficit público ao 0,7% do PIB autonómico, desprezando os efectos das reducións orzamentarias sobre o crecemento e o emprego.
Máis recesión
Segundo apunta Adán, o proxecto de lei dos orzamentos para 2013 recoñece que a economía galega seguirá en recesión no ano entrante, cunha caída estimada do PIB do 0,9%, duas décimas menos que a media estatal, segundo as propias previsións da Xunta, apunta.
A respeito das previsións macroeconómicas de Feijoo a nacionalista sinala que cómpre lembrar que segundo o cadro macroeconómico dos orzamentos vixentes (2012) o PIB galego medraría este ano un 1,1%, grazas á contribución positiva do sector exterior e o mellor comportamento do sector privado, o que permitirá unha mellora do mercado de traballo ate o punto de que cabe esperar unha leve reducción da taxa de paro (páxina 15 do Informe Económico-Financeiro dos orzamentos de 2012).
A triste realidade é que, as políticas de recortes adoptadas por Feijoo na pasada lexislatura, agravadas polas medidas adoptadas no primeiro ano de mandato de Rajoy no Goberno central, provocaron a entrada en recesión da economía galega no ano 2012, cunha caida do PIB do 1,1%, un resultado diametralmente oposto ao previsto por Feijoo nos orzamentos de 2012, cunha desviación nas previsións do 200% explica Adán, quen apunta ironicamente que Feijoo acertou na cifra pero se enganou no signo.
Segundo a deputada pese a propaganda do Fondo para o Crecemento de 386 millóns de euros, a realidade é que os gastos de capital contidos nestes orzamentos redúcense en case 170 millóns de euros, un 11,1% a respeito dos orzamentos iniciais de 2012, e mais do 51% a respecto dos orzamentos iniciais de 2009
Redución dos investimentos reais
En concreto, os Investimentos Reais (Cap.6), redúcense en mais de 82 millóms de euros, un10,5% a respeito de 2012, e as Transferencias de Capital (Cap.7) redúcense en mais de 87 M, un 11,6%. O peso relativo dos gastos de capital pasou do 23,78% nos orzamentos iniciais de 2009, ao 14,37% nestes orzamentos, sinala Carme Adán.
Con esta caida dos gastos de capital tanto ten a etiqueta que lle poñan ao Fondo de Crecemento, destaca a responsable nacionalista, quen critica que a pesar da propaganda da austeridade, o peso dos Gastos Correntes nestes orzamentos segue a estar 2 puntos por enriba do peso do gasto corrente nos orzamentos iniciais de 2009.