O BNG comprométese a defender a sanidade pública no Parlamento europeo e loitar contra os recortes
Ana Miranda e Manuel Moreira reclaman que os fondos do programa Horizon 2020 teñan como obxectivo a investigación sobre o cancro e as enfermidades raras, crónicas e reumáticas
Vigo, 6 de maio de 2014.- A candidata do BNG, Ana Miranda, e o responsable da Plataforma SOS Sanidade Pública e candidato, Manuel Moreira, subliñaron hoxe o compromiso do Bloque na defensa da da sanidade pública no Parlamento europeo. Tamén apostaron por facer da loita contra os recortes impostos pola troika e executados polos Gobernos do PP en materia de saúde pública un dos eixos da actuación da forza nacionalista.
Neste sentido, Ana Miranda e Manuel G. Moreira, asemade médico de familia, reclaman que os futuros fondos europeos do programa Horizon 2020 teñan como obxectivo investigar a loita contra o cancro, enfermidades raras, enfermidades crónicas e enfermidades reumáticas e musculoesqueléticas.
Os recortes do PP están producindo unha baixada de investimentos na prevención, no tratamento e no seguimento de pacientes afectados por estas doenzas, asegurou Ana Miranda, quen subliñou que o apoio á investigación en saúde é crucial para mellorar o coñecemento, a prevención e o tratamento das enfermidades, así como para fomentar a innovación, a colaboración e a excelencia entre as e os profesionais.
"A saúde é o primeiro", afirmou a candidata nacionalista, quen xa promoveu no Parlamento Europeo emendas a ese programa de investigación comunitario, Horizon, para que se priorice a investigación europea na loita contra o cancro e as enfermidades que crean grandes dificultades nas persoas que as padecen, como as doenzas raras e as enfermidades reumáticas e muscoesqueléticas.
Prioridade dos pacientes, non da industria
Nesta liña, Manuel Moreira resalta que no marco da defensa da sanidade pública !os investimentos en investigación en saúde teñen que ter como prioridade as necesidades das e dos pacientes e non os beneficios económicos da industria farmacéutica.
Para apoiar aos 10 millóns de persoas que no Estado padecen esas enfermidades, unha boa parte en Galiza, e aos máis de 120 millóns de europeas e europeos afectados (de 500 millóns de habitantes), ambos candidatos de Vigo, asinaron hoxe o manifesto promovido pola la Liga Europea contra o Reumatismo (EULAR), a Sociedade Española de Reumatoloxía, a Liga Reumatolóxica Española e a Asociación Española de Profesionais Relacionados coa Reumatoloxía.