O BNG reclama o aumento de case 6 millóns para emprego e un novo Plan de Compensación contra a crise
O portavoz municipal do BNG, Santi Domínguez, presentou este venres as emendas do Bloque ao borrador de orzamentos municipais para 2013. Segundo destacou o nacionalista o aumento da partida para o Plan de Emprego e un novo Plan de Compensación Social contra a crise centran as demandas, así como a diminución de outras partidas, como as correspondentes ás humanizacións no centro da cidade, o programa de aulas internacionais, ou os gastos en recollida e eliminación de residuos sólidos urbanos.
A respecto do Plan de Emprego, Santi Domínguez explicou que o Bloque reclama un incremento de arredor do 2% que subiron as ordenanzas municipais, tal e como nos comprometéramos no momento da súa aprobación inicial, apuntou. Deste xeito, a partida global sumaría 1.530.000 euros. A este Plan o BNG propón outra partida, de 1.780.000 euros, destinada á sinatura de novos convenios. En total, para o fomento e a creación de emprego, o Bloque defende o aumento de 2.510.000 euros.
Frear a exclusión
Outra das novidades que explicou o portavoz municipal nacionalista é o Plan de Compensación Social, para o que o BNG demanda 3.200.000 euros. Este plan achegaría durante 8 meses arredor de 200 euros ao mes a 2.000 familias, e supón unha firme aposta por frear o risco de exclusión social, destacou Domínguez.
Santi Domínguez subliñou que nesta área de acción social, o BNG tamén propón un considerable aumento das bolsas para comedor escolar e libros, ao reclamar unha subida de 150.000 euros a respecto do borrador presentado polo PSOE, chegando así ao millón de euros. En total, o Bloque defende un incremento de 3.420.000 euros para servizos sociais.
Participación veciñal
O nacionalista sinalou que, de forma coherente ás consideracións mantidas nos pasados ejercicios, prenséntanse emendas para potenciar os convenios coa FAVEC e co Centro Cívico de Teis, sumando entre os dous 125.000 euros.
Aposta polo ensino
No BNG somos conscientes da forte demanda de prazas nas escolas infantís que xa existen, polo que reclamamos que o goberno aposte polo investimento nos centros de Lavadores e Navia, manifestou o nacionalista a respecto das modificacións presentadas polo BNG no capítulo de investimentos. Neste sentido indicou que a emenda inclúe unha anualidade para cada escola que aumenta 210.000 euros respectivamente á partida consignada inicialmente..
No apartado de investimentos Santi Domínguez salientou asemade a atención a barrios e parroquias, para a que o Bloque defende o aumento de 500.000 euros, chegando a un total de 700.000. Asemade defende a creación dunha partida destinada á mellora do Casco Vello, cifrada en 240.000 euros. Mencionou tamén a inclusión dunha partida de 500.000 euros destinada ao Centro Galego de Fotografía. Este é un esquecemento incomprensible que cómpre subsanar, asegurou.
Diminución de partidas
O portavoz municipal do BNG destacou, por outro lado, que entre as diminucións máis relevantes figura o remate das humanizacións no centro de Vigo, reclamando a retirada dos 3.417.697 euros recollidos no borrador. Nesta mesma liña demándase a retirada do programa de aulas internacionais, para o que o goberno contempla 1.290.000 euros. Na situación de crise actual, co aumento incesante de desemprego, este programa non é prioritario. Entre potenciar ir a Londres ou comer é evidente cal é a opción responsable, afirmou Santi Domínguez.
Outra da rebaixas defendidas polo Bloque refírese á baixada dos gastos en recollida e eliminación de residuos sólidos urbanos, dos que se reclaman unha baixada de 1.500.000 euros. O nacionalista tamén considerou necesaria a diminución de 550.000 euros nas partidas correspondentes aos órganos de goberno e de propaganda e protocolo, así como a cuota da Fundación Provigo e o programa Camiño a Camiño.
Nestes momentos toca priorizar, dar resposta aos verdadeiros problemas da xente e eliminar o secundario, tal e como propón o BNG con estas emendas, subliñou Santi Domínguez.