Iolanda Veloso reclama o control dos gastos en publicidade e propaganda do goberno municipal
A voceira do grupo municipal do BNG presentou hoxe a moción que se debatirá no pleno ordinario do vindeiro luns, na que se reclama o control da oposición dos gastos en propagada e publicidade do goberno municipal. Segundo a portavoz nacionalista, en tempos de crise económica, o bo uso e xestión dos recursos públicos debe ser especialmente escrupuloso, evitando o malgasto e o uso partidista dos cartos de todos e de todas: malgastar en propaganda e publicidade e facer campaña electoral con recursos públicos é un luxo que esta cidade non se pode permitir.
Tal e como explicou Iolanda Veloso, xa na aprobación dos orzamentos, e por iniciativa do BNG, reducíronse gastos en publicidade e propaganda por valor de medio millón de euros, redución que tamén votou o alcalde deste goberno en minoría, por iso non entendemos que nos últimos tempos se desen exemplos de accións publicitarias por parte do actual goberno que non sabemos como se pagaron.
Un exemplo deste gasto incontrolado foi a concentración que o PSOE organizou polo aeroporto de Peinador, que deu lugar a unha serie de gastos (palco, lonas, bandeiras, carteis, actuación dun grupo de animación...).
Tamén mencionou a portavoz municipal o plan social contra a crise, plan que existe grazas ao BNG. Nas bases para o seu desenvolvemento quedaron sen executar como axudas directas ás familias 250.000, que é de supoñer se gastaron nunha importantísima campaña con cuñas de radio, anuncios nos periodicos, carteis, etc. Campaña que o BNG valora como completamente innecesaria, xa que moitas persoas estaban esperando a súa aprobación desde primeiros de ano. O plan podería ter sido difundido a través dos servizos municipais, e así se poderían invertir eses cartos nas axudas ás familias.
O outro exemplo que puxo Iolanda Veloso foi a exposición no centro da cidade sobre a rehabilitación do Casco Vello, iniciativas todas elas desenvolvidas no anterior mandato e que impulsou o BNG. Como afirmou a portavoz municipal, nestes dous últimos anos vimos con preocupación a deixadez absoluta deste goberno, que deixou esmorecer todas as iniciativas que o anterior goberno do BNG foi poñendo en funcionamento para a recuperación desta zona da cidade, esta exposición é de novo só propaganda.
Por estas razóns é polo que o BNG vai instar ao goberno local a utilizar con ese fin unicamente as partidas designadas nos orzamentos para propaganda e publicidade, sen detraer das partidas doutros programas, Tamén reclamará o BNG que o goberno municipal presente no pleno da corporación un plan anual de publicidade e propaganda, que especifique que campañas institucionais se preve desenvolver, indicando os seus obxectivos e o custe, e que se comunique calquer gasto excepcional sobrevido.
Para exercer o papel de control que corresponde á oposición municipal, a moción presentada reclamará do goberno local que no vindeiro pleno presente unha memoria dos gastos de publicidade e propaganda realizados ata hoxe, e da previsión dos gastos que se realizarán ata finais de ano.