Iolanda Veloso subliña na súa declaración de bens que nunca recibíu sobres nin ten contas en Suíza
Nunca recibín sobres ou sobresoldos opacos. Non teño contas en Suíza nin en ningún outro paraíso fiscal. Nunca fun de vacacións, cacerías, cruceiros ou similares a conta de fondos públicos nin de empresas. Así comeza a declaración xurada da portavoz municipal do BNG e deputada provincial, Iolanda Veloso, sobre os seus bens, que hoxe presentou como exercicio de compromiso real coa transparencia dos cargos públicos. Ademais, lembrando o acordo alcanzado na Deputación de Pontevedra, instou ao organismo provincial a publicar a todas as declaracións canto antes.
Nós quixemos facer unha declaración de bens política e transmitir o noso compromiso coa cidadanía, salientou Iolanda Veloso, quen explicou as reticencias dos deputados e deputadas do organismo provincial, ao non estar conformes coa decisión de facer públicas as declaracións, promovida polo goberno da deputación por presións do PP galego.
Segundo asegurou todos entendiamos que a declaración pública de bens está moi lonxe de satisfacer os obxectivos co que en principio se fai, como son apostar pola transparencia, gañar confianza e loitar contra corrupción.
Pero todos sabemos que a corrupción, que se da sobre todo nos cargos do PP, non é evitada polas declaracións de bens, porque todo o que se declara é público, defendeu a responsable nacionalista. E precisamente nesta liña comentou que non se declaran os pagos impropios, ilegais e deshonestos que están recibindo cargos públicos do PP, ou sobres ou contas en Suíza.
Insulto á intelixencia
Iolanda Veloso destacou que a publicación da declaración de bens numérica é unha ferramenta que está sendo promovida para espallar que se fai algo e repartir xuízos de valor sobre todos mentres a corrupción sigue campando as súas anchas
Asegurou que as declaracións de bens de todos os cargos públicos tal e como se fan, voluntarias e sen ningún control externo son un insulto á intelixencia da cidadanía, pois se alguén ten algo que ocultar pode facelo sen problemas.
Á cidadanía parécelle que cada día aparecen novas probas de que todas as persoas non somos iguais diante da xustiza, precisamente no día despois da desimputación da infanta Cristina, sinalou.
A deputada do BNG destacou que non temos de que avergoñarnos, polo que lembrou que as declaracións de bens son entregadas nos rexistros do Concello e da Deputación, así como as declaracións de IRPF, non como outras persoas moi importantes no Estado, e alí se pode comprobar que non nos lucramos cos nosos cargos.
Ingresos
Iolanda Veloso tamén asegura na súa declaración xurada que nunca organizou festas ou outros eventos pagados por empresas ou outros axentes vinculados co sector público, nin clases de golf ou de calquera outro tipo pagadas polo erario público ou empresas, así como que nunca aceptou regalos de valor nin ningún tipo de prebenda relacionados coa miña actividade pública.
Asemade, destaca que negociou, discutíu e mesmo peleou con empresas e outros privados para acadar as mellores condicións e o maior aforro para a administración pública.
No tocante aos seus ingresos, subliña que nunca tivo outros fóra dos correspondentes polo traballo como tradutora e intérprete, profesora no ensino público ou como cargo público. E sinala que unha parte significativa do seus salarios achégaa como cotizacións e doazóns á organización política á que representa e que a propuxo para os cargos públicos que ocupa. Porque asi se financia o BNG, destacou.
Patrimonio
No tocante ao patrimonio inmobiliario indica que posúe o 50% dun piso de 40 anos de antigüidade nun barrio obreiro da cidade de Vigo, o fogar para o meu fillo e a miña filla, apunta, ao tempo que conta que para mercalo solicitou unha hipoteca a Caixanova pero descoñezo a que banco ou fondo de investimentos de calquera país terei que pagarlla nun futuro, engade.
O seu valor actual de mercado é moi inferior ao que paguei polo seu momento debido ao inflado que estaba o seu prezo pola burbulla inmobiliaria e á taxación interesada que fixo a caixa para concederme a hipoteca, criticou ao respecto.
Sobre o vehículo para a familia indica que contamos cun turismo de gama media, do que posúo tamén o 50%, sinala. Neste sentido destaca a dificultade para utilizar o transporte público, por exemplo, ao visitar a súa familia de A Coruña, sendo catro, en tren sae case catro veces máis que en coche.
Sinala ademais que o seu saldo na conta bancaria é o que me queda logo de facer os pagos das facturas correspondentes a gastos correntes de luz, auga, teléfono ou comunidade, os gastos de calquera familia, como comida e roupa, e de pagar as terapias do meu fillo, cunha discapacidade recoñecida do 34%, que foi dado de alta hai uns meses pero que non recibe ningún tipo de axuda nin terapia por parte dos servizos públicos.
Nesta vaga de transparencia agardamos que a Deputación faga públicas as declaracións canto antes, aínda que sabemos que non podemos competir na portada da web co mexillón, rematou.