Veloso: “É lamentable que as traballadoras sociais teñan que saír á rúa para denunciar a saturación"

Veloso: “É lamentable que as traballadoras sociais teñan que saír á rúa para denunciar a saturación"

O BNG considera que as demandas do persoal de Benestar Social son “xustas desde todos os puntos de vista, tanto laborais como sociais”

 

protesta traballadoras sociais 2

Vigo, 18 de decembro de 2014.- A portavoz municipal do Bloque, Iolanda Veloso, reiterou esta mañá o apoio do BNG ás traballadoras sociais do Concello de Vigo, que hoxe levaron a súa protesta polo colapso do departamento de Benestar Social ás portas da UBAS de Teis. A responsable nacionalista recordou que esta situación “non é nova”, xa que foi denunciada en diversas ocasións mediante escritos internos do departamento e incluso no pleno do pasado mes de outubro foi aprobada por unanimidade unha moción do BNG que instaba ao goberno local a executar as medidas necesarias para solucionar o colapso.

Iolanda Veloso destacou a importancia de que toda a cidadanía saiba cal é a situación de colapso deste departamento, pero cualificou de “lamentable” que as traballadoras teñan que saír a rúa “para denunciar a saturación do seu departamento, sobre todo tendo un alcalde que presume de que este é o Concello máis social do mundo”.

Alcalde antidemocrático

Segundo apuntou a voceira do BNG, é a propia actitude do alcalde coas traballadoras sociais a que demostra que é “totalmente antidemocrático e que non lle interesa resolver os problemas reais da cidadanía de Vigo”. Ao seu xuízo, o problema radica en que o alcalde “nin escoita ás traballadoras socias, nin á cidadanía, nin os mandatos do pleno”.

Pola contra, Iolanda Veloso subliñou que o Bloque apoiou “desde o principio as súas demandas, xa que son xustas desde todos os puntos de vista, tanto laborais como sociais”, posto que as persoas que necesitan os recursos non os reciben a tempo porque é un servizo colapsado

A portavoz nacionalista lembrou, ademais, que no pleno do pasado mes de outubro o propio PSOE votou a favor da moción do Bloque para resolver este problema, dotando ao departamento non só de recursos orzamentarios, senón tamén de persoal, “pero até agora o alcalde non adoptou ningunha medida”.

Medidas

Iolanda Veloso lembrou que entre as demandas das traballadoras sociais figura a contratación urxente de 17 traballadoras sociais e 7 auxiliares administrativas, tal e como xa reclamaron nun escrito de xuño de 2013. “O obxectivo destas reclamacións é rebaixar a lista de agarda e cumprir coa a ratio estabelecida por lei, que di que debe haber unha traballadora social cada 8.000 habitantes, mentres que en Vigo hai unha traballadora social por cada 17500 habitantes”, explicou.

 

Veloso: “É lamentable que as traballadoras sociais teñan que saír á rúa para denunciar a saturación"