O Bloque inicia unha rolda de Encontros Abertos coa veciñanza nos barrios e parroquias de Vigo

Neles participará o candidato nacionalista á alcaldía, Xabier P. Igrexas, e teñen por obxectivo “contrastar e enriquecer a pé de rúa o proxecto de transformación de Vigo” que promove o BNG.

O Bloque inicia unha rolda de Encontros Abertos coa veciñanza nos barrios e parroquias de Vigo

O Bloque Nacionalista Galego vén de iniciar unha rolda de “Encontros Abertos” coa veciñanza, que se desenvolverá durante as próximas semanas nos barrios e parroquias da cidade. O primeiro encontro tivo lugar na tardiña de onte, venres, no barrio de Teis. Nestas xuntanzas participará o candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, e teñen por obxectivo “contrastar e enriquecer a pé de rúa o proxecto de transformación de Vigo” que promove o BNG.

FotoTeis02“Escoitar, explicar, atender, contrastar, argumentar, convencer. SUMAR. Sobre esas ideas o BNG iniciamos unha rolda de Encontros Abertos nos barrios e parroquias. Para empurrar desde abaixo os cambios que fagan de Vigo unha cidade para o pobo”, explicou Igrexas. Desta maneira o candidato nacionalista quere estabelecer unha interlocución directa coas viguesas e os vigueses, cunha dupla dirección. Dunha banda explicar as liñas xerais do proxecto de cidade co que o BNG aspira a volver ser unha forza “decisiva e determinante”. Por outra, e especialmente, recoller as preocupacións, necesidades e demandas da veciñanza. Esas achegas serán incorporadas no programa electoral da formación nacionalista que continúa o seu proceso de elaboración participativa, contando tanto coa colaboración de colectivos sociais e entidades como da opinión directa da veciñanza. 

“Cun Goberno municipal instalado na xordeira e unha Xunta de Galiza que lle vira as costas a Vigo, o primeiro que necesita a cidade é escoitar. Escoitar para atender, para dialogar, para sumar esforzos e enerxías. Iso é o que queremos lograr con esta rolda, sumar desde abaixo, desde os barrios, a forza que nos permita poñer fin a esta situación de impass, de punto morto, no que a falta de proxecto e de xestión colocou a cidade”, acrecentou Igrexas. 

Bembrive e Valadares serán durante a vindeira semana as próximas citas nesta rolda de encontros, que desde o BNG enfatizan están “absolutamente abertos a todos e todas as veciñas, teñan ou non carnet do Bloque, nos votasen antes ou non”. “O novo impulso que o Bloque queremos darlle a Vigo require do empurre de toda a cidade e iso é o que queremos tecer a carón da xente, coa súa participación, contando con todos e con todas”, remacha Igrexas.