O BNG de Vigo pide que se mellore o servizo de autobús nocturno

(Foto: metropolitano.gal)
(Foto: metropolitano.gal)
  • O concelleiro electo do Bloque, Xabier P. Igrexas, demanda o aumento das frecuencias, o reforzo con novas liñas que presten servizo tamén nas parroquias e unha rebaixa da tarifa.
  • A fronte nacionalista defende que apostar polo transporte colectivo tamén pola noite permitirá aumentar a seguridade vial e reducir o risco de accidentes. “As mozas e os mozos de Vigo teñen dereito a non verse obrigados a coller o coche para saír pola noite e volver a casa”, resumen.
O BNG de Vigo pide que se mellore o servizo de autobús nocturno

 “Unha das maiores reivindicacións da mocidade viguesa e unha das tarefas pendentes na cidade é mellorar a serio o servizo de autobús nocturno”. Sobre esta premisa, o concelleiro electo do BNG, Xabier P. Igrexas pide o reforzo e ampliación das actuais liñas nocturnas.

Igrexas defende que o actual servizo é “claramente insuficiente”. Neste sentido, lembrou que de domingo a xoves só funciona a liña N1 con 5 frecuencias, o venres o N1 aumenta até 9 as viaxes pero a N2, que conecta unha zona con tanta xuventude como é Navia, só ten 5 frecuencias. O sábado o N1 mantén as frecuencias do día anterior e o N2 suma dúas. No entanto, a liña N3 conta cunha soa frecuencia e unicamente opera os venres. “Unha cidade do tamaño de Vigo require de máis servizo nocturno que dúas liñas e media”, explicou o edil electo.

O nacionalista defende unha mellora substancial do servizo nocturno de autobús “apostando por unha  mobilidade sustentábel pero sobre todo moito mais segura”. “A mellor maneira de apostar pola seguridade vial, de evitar riscos de accidente, é facer que a mocidade viguesa non se vexa obrigada a ter que usar o vehículo privado para saír pola noite”, acrecentou.

A este respeito demandan o reforzo das tres liñas actuais pero tamén a posta en marcha de novas liñas para conectar mellor a cidade, defendendo que “a mocidade das nosas parroquias ten dereito tamén a dispor dun autobús que lles permita saír e retornar de maneira segura na fin de semana”. Aliás, suxiren que se incentive o uso do transporte colectivo estudando un desconto sobre a tarifa actual.