O BNG de Vigo quere que o Concello dea preferencia semafórica aos buses e recupere os carrís-bus

  • O concelleiro electo do Bloque, Xabier P. Igrexas, defende que estas medidas suporían unha “mellora moi importante” do servizo de autobús urbano, xa que permitirían reducir tempos de traxecto e aumentar as frecuencias.

 

  • Desde a fronte nacionalista sosteñen que reducir a conxestión de tráfico pasa por apostar polo transporte colectivo
O BNG de Vigo quere que o Concello dea preferencia semafórica aos buses e recupere os carrís-bus

Despois de que se adxudicase a xestión da rede semafórica da cidade para os próximos anos, o BNG vén de propoñer que a nova rede intelixente permita dar preferencia de paso tamén aos autobuses urbanos e non só aos vehículos de emerxencia como anunciou o Goberno municipal. 

“Dando preferencia semafórica ao paso dos buses, naquelas rúas de alta conxestión de tráfico, estariamos axilizando os tempos de traxecto e asegurando mellores frecuencias de paso nas paradas”, explicou o concelleiro electo do Bloque, Xabier P. Igrexas.

Igrexas demanda tamén que se recuperen os carrís-bus, na actualidade inutilizados, e que se estude a súa implantación noutras avenidas. O nacionalista lamentou que carrís-bus como o da Gran Vía estean na práctica suprimidos desde hai xa moitos meses. 

“Se queremos reducir a conxestión de tráfico que padece a cidade, cando xa temos 400 mil turismos censados e cada día entran outros 90 mil coches de fóra, hai que facer unha aposta clara polo transporte colectivo. E nese sentido, a preferencia semafórica para os buses e os carrís bus poderían supor unha mellora moi importante do servizo”, xustificou o edil.