O BNG chama a defender Vigo nas urnas este 23X fronte ao “abandono” da cidade por parte das forzas estatais

A fronte nacionalista comprométese a traballar para facer realidade a Saída Sur antes do 2030, para dotar a área dunha rede de cercanías, da Biblioteca do Estado tantos anos prometida e rematar coa navallada da AP-9 ao seu paso por Teis

Brais Ruanova, candidato ao Congreso: “Facemos un chamamento a concentrar todo o voto inconformista no BNG para facer valer os intereses de Vigo e Galiza en Madrid”

O BNG chama a defender Vigo nas urnas este 23X fronte ao “abandono” da cidade por parte das forzas estatais

O Bloque Nacionalista Galego chama a defender Vigo nas urnas este 23 de xullo fronte ao “abandono” da cidade por parte das forzas estatais. Así o defendeu este primeiro día de campaña electoral o candidato nº2 do BNG ao Congreso pola circunscrición de Pontevedra, o vigués Brais Ruanova, que trasladou o compromiso nacionalista coas débedas pendentes coa cidade: facer realidade a Saída Sur antes do 2030, poñer en marcha na área unha rede de cercanías, dotar a Vigo da Biblioteca do Estado tantos anos prometida e rematar coa navallada da AP-9 ao seu paso por Teis.

“Esta campaña é unha grande oportunidade para que todas esas galegas e galegos, todas esas viguesas e vigueses, que senten que Galiza e Vigo ten que contar en Madrid vexan no BNG a garantía na defensa dos nosos intereses”, asegurou Ruanova, tras realizar un reparto informativo no propio barrio de Teis acompañado do candidato suplente ao Congreso, Nuno Galán, e de militancia da organización.

O candidato nacionalista apostou por ter máis voces do BNG no Congreso para obrigar ao Goberno español a atender dunha vez as necesidades da maior cidade galega. “Cun Grupo Galego Forte que impida que Madrid siga negándonos o que nos corresponde”, apostou Ruanova, que afeou que o Goberno de PSOE e Unidas Podemos dixera non a todas as emendas do BNG na pasada lexislatura coas que a fronte nacionalista demandaba aumentar en 167 millóns de euros os investimentos estatais en Vigo.

“Facemos un chamamento a concentrar todo o voto inconformista no BNG para facer valer os intereses de Vigo e Galiza en Madrid”, afirmou, poñendo en valor o traballo do deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, “o único que defendeu as necesidades da cidade durante os últimos catro anos, outros non poden dicir o mesmo”. Nese sentido, lembrou algúns dos avances acadados polo Bloque, como a “rebaixa histórica” das peaxes na AP-9.

Ruanova asegurou que o “único voto útil é a papeleta do BNG”, destacando o valor dobre do voto pola fronte nacionalista. “A papeleta do BNG é a papeleta do si a Galiza e a Vigo, e tamén a papeleta que servirá como dique de contención contra un goberno das dereitas”, remachou.

O BNG chama a defender Vigo nas urnas este 23X fronte ao “abandono” da cidade por parte das forzas estatais