Carme da Silva asegura que a candidatura do BNG será a do “si a Vigo” para defender os intereses da cidade

Pegada Virtual BNG en Vigo - Eleccións Xerais 23X
Pegada Virtual BNG en Vigo - Eleccións Xerais 23X

“O voto ao Bloque vale para defender Galiza e para frear o dueto de Feijóo de ganchete con Abascal”, asegura a cabeza de lista

Xabier P. Igrexas: "Fronte ao abandono que ten padecido Vigo, as eleccións do vindeiro 23 de xullo é unha oportunidade para defendermos de verdade os intereses da cidade”

Carme da Silva asegura que a candidatura do BNG será a do “si a Vigo” para defender os intereses da cidade

A candidata do BNG por Pontevedra Carme da Silva destacou hoxe na pegada virtual de inicio de campaña que a candidatura do Bloque é a candidatura “do si a Vigo” e da defensa dos intereses da cidade. Destacou que o obxectivo do BNG é darlle a Galiza un grupo galego forte no Congreso para facer valer o país en Madrid e frear a discriminacióndas forzas centralistas ,cun voto que vale dobre xa que defende a Galiza e a un tempo é muro de contención da dereita ultra do PP e á extremadereita “fondamente antigalega” que quere eliminar dereitos e liberdades.

Acompañada do voceiro municipal Xabier Pérez Igrexas, de candidatas e canditatos e doutros cargos institucionais e orgánicos, Da Silva chamou á sociedade galega a mobilizarse e a dicir “basta de ser a ultima carta da baralla” reclamando que “é o momento de Galiza, de facer valer o noso ante o Goberno do Estado, con orgullo, con determinación”.

A nacionalista destacou que o BNG vai derrotar aos que pensan que é unha utopía ter un grupo galego forte no Congreso. “Imos cambiar o non polo si. Si a Galiza, si aos galegos e as galegas,  si a defender Galiza en Madrid, si a ter un grupo galego forte. Si a que Pontevedra conte e decida en Madrid”, insistiu.

Neste sentido, salientou que o Bloque Nacionalista Galego é o grupo “do si a que Vigo conte e decida en Madrid. Porque nós somos as do si á recuperación e rexeneración das rías e do litoral, do si á transferencia do porto de Vigo, as do si a un tren de proximidade que nos comunique mellor, ...), as do si a unha AP9 galega e libre de peaxe. Non queremos privilexios, queremos para Galiza e para Vigo un trato xusto e digno”, subliñou.

“E para esa inmensa maioría de galegos e as galegas que queren o mesmo, teñen no BNG a súa opción”, dixo. “Así que, que ninguén o dubide, imos a por todas para darlle a Galiza un grupo galego forte, un grupo orgullosamente galego para defender Galiza en Madrid”.

Voto 2x1 na defensa de Galiza e fronte ao PP ultra

Por outra banda, Da Silva insistiu en que o BNG é garantía de avance de dereitos e liberdades e non vai permitir nin un paso atrás nos dereitos das mulleres, nin un paso atrás nunha sociedade inclusiva na que cada quen poida amar a quen queira amar e ser quen queira ser, e nin un paso atrás ante a censura da lingua e da cultura do país.

“Seremos muro de contención do dueto de Feijoo de ganchete con Abascal. Nin un paso atrás, teñen a miña palabra e a de todo o BNG”, salientou, polo que pediu aos galegos e as galegas que este 23 de Xullo voten coa cabeza e o corazón en Galiza e non votar por medo, ni polo mal menor. Ao contrario. Pídolle a todos os galegos e ás galegas que o 23 de xullo voten con ilusión, con esperanza, pensando nesa Galiza coa que soñan: orgullosa do noso, libre, feminista, inclusiva, diversa, con dereitos, con oportunidades. Este 23 de xullo, pídovos que votemos desde o orgullo de ser galegos e galegas elixindo a papeleta do BNG. O BNG non lles vai fallar nin na defensa de Galiza, nin na defensa de Pontevedra nin na defensa dos dereitos e das liberdades.

Voces e votos que obriguen a atender as necesidades de Vigo

Pola súa banda, o voceiro municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas destacou que “fronte ao abandono que ten padecido Vigo, como o conxunto de Galiza, as eleccións do vindeiro 23 de xullo é unha oportunidade para defendermos de verdade os intereses da cidade”.

Lembrou que durante os últimos catro anos Vigo tivo unha voz enérxica e firme no Congreso, “co magnífico traballo realizado polo noso deputado Néstor Rego, fronte á total deserción das deputadas viguesas do PSOE, Ángeles Marra e Olga Lonso, que apenas foron ás Cortes a quentar cadeira e cobrar un bo salario, ou ao deputado do PP, Diego Gago, que parece que no único no que estivo ocupado foi en procurarse un bo postiño para acabar agora de lobista privado”.

Igrexas insistiu que Vigo precisa de moito máis que unha voz, queremos máis voces e sobre todo votos decisivos que obriguen ao Goberno español a atender as necesidades da maior cidade do país. “Precisamos dun grupo galego forte que impida que Madrid siga dicindo NON a Vigo e a Galiza, como sucedeu na última lexislatura nas que o PSOE e Unidas Podemos, agora Sumar, dixeron NON unha e outra vez ás emendas do BNG coas que demandabamos aumentar en 167 millóns de euros os investimentos do Estado en Vigo”, apuntou.

Carme da Silva asegura que a candidatura do BNG será a do “si a Vigo” para defender os intereses da cidade