SANIDADE

 O BNG leva as deficiencias do servizo de urxencias do hospital Álvaro Cunqueiro ao Parlamento galego

Montse Prado
Montse Prado

_A deputada nacionalista, Montse Prado, exixe ao Goberno galego explicacións diante das reiteradas denuncias por parte do persoal sanitario.

_Demandan máis medios e persoal para ofrecer unha atención sanitaria de calidade.

 O BNG leva as deficiencias do servizo de urxencias do hospital Álvaro Cunqueiro ao Parlamento galego

As deficiencias servizo de urxencias do hospital Álvaro Cunqueiro volverán a ser obxecto de debate no Parlamento galego. A deputada do BNG, Montse Prado, presentou dúas iniciativas nas que se recollen as denuncias formuladas polo persoal sanitario a respeito da falla de persoal e de medios. “Máis dun ano despois de terse postos en funcionamento o HAC seguen as deficiencias, as irregularidade s e as denuncias. Profesionais do servizo de urxencias seguen a denunciar as deficiencias existentes que consideran graves e que afectan ao normal desenvolvemento do traballo e á atención e seguridade das doentes, sen que as mesmas sexan tidas en conta pola dirección”, denuncia Prado.

No concreto, a iniciativa relata tanto a falla de persoal en todas as categorías, que se engade á precariedade e unha eventualidade de máis do 50% o que provoca unha elevada rotación nos contratos. Unha circunstancia que segundo as nacionalistas ten causa na “negativa da Xunta a dotar o hospital co persoal imprescindíbel para prestaren un servizo de calidade. 

Outro dos aspectos denunciados é o funcionamento do servizo de urxencias, onde se constata que non se están a cumprir as ratios estabelecidas pola Sociedade de Enfermería de Urxencias e Emerxencias, nin de camas en observación nin de boxes. Aliás, tanto na triaxe como na atención xinecolóxica non hai auxiliares de enfermería durante a quenda de noite.

As deficiencias nos circuítos asistenciais e de probas diagnósticas son tamén albo da iniciativa nacionalista. Neste senso, recollen que a mala distribución dos espazos ten provocado circuítos pouco operativo, masificación dos espazos, demora na realización de probas e nos ingresos en planta, e tamén nos traslado a domicilios ou a outros centros.

Por derradeiro, volven poñer o foco nos riscos para a seguridade das persoas doentes, por mor da saturación das zonas comúns, a falla de aseos, a insuficiencia de baños adoptados ou o insuficiente número de boxes de illamento. 

A deputada Montse Prado interpelará ao executivo para demandar que explique se ten pensado realizar algunha actuación pra resolver as deficiencias denunciadas, e para reclamar o aumento do persoal do servizo de urxencias.