O BNG celebra o comportamento “heroico” da veciñanza de Vigo e demanda máis medios para a loita contra o lume

_A fronte nacionalista pedirá explicacións a Xunta e Concello a respeito das insuficiencias do operativo antiincendios na cidade

_ Demandan unha nova política forestal e o reforzo das medidas de prevención.

O BNG celebra o comportamento “heroico” da veciñanza de Vigo e demanda máis medios para a loita contra o lume

O Bloque Nacionalista Galego celebra o comportamento “heroico” demostrado pola veciñanza de cidade de Vigo durante toda a xornada de onte, facendo fronte á vaga de lumes que axexou o municipio, afectando un número importante de parroquias e  adentrándose até áreas do casco urbano como o barrio de Navia, ou as inmediacións da Praza dos Cabalos e o monte do Castro. “Onte foi unha xornada enormemente dura para a cidade, pero máis unha vez a veciñanza volveu sacar o mellor de si propia e diante da insuficiencia de medios de extinción fixo posíbel coas súas propias man que o lume non avanzase”, recoñeceu o responsábel local Serafín Otero, que participou desde primeira hora da noite no improvisado operativo veciñal que axudou a sufocar o foco rexistrado no barrio de Navia.


Desde a fronte nacionalista, expresan o maior pesar polas graves consecuencias ambientais e materiais cos que se salda esta vaga de lumes. Aliás, amósanse consternadas e consternados polo falecemento dun veciño de San Andrés de Comesaña mentres participaba en tarefas de extinción. “Queremos trasladar o noso agarimo e afecto á familia do falecido, pero tamén á toda a parroquia e a todas as persoas que onte se xogaron o tipo para protexer vivendas e persoas”, declarou Otero. 


O prioritario é acabar co lume


Subscribindo a posición expresada a nivel galego pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, a organización local do Bloque chamou a concentrar todos os esforzos, medios e capacidades a sufocar completamente os focos inda activos, a atender a veciñanza afectada e a paliar os efectos que sobre o medio natural terán os lumes. “A prioridade é acabarmos definitivamente co lume”, reiteran manifestando a “plena disposición” do BNG a colaborar no que sexa preciso.


A respeito da manifesta insuficiencia de medios, da escaseza de información e das eivas detectadas no operativo, o BNG anticipa que nos próximos días demandará tanto á Delegación da Xunta en Vigo como ao Goberno municipal explicacións. “A veciñanza merece saber que mecanismos se aplicaron, cales fallaron e porqué”, demandou o responsábel local nacionalista. Nese sentido, Otero fíxose eco das queixas veciñais de falla de medios, e tamén da “clamorosa falla de información”. “É inexplicábel porque o Concello de Vigo non abriu ningunha canle de información verificada e actualizada limitándose a un comunicado ambigüo xa ben entrada a noite e a datos isolados en declaracións do Alcalde”. Feito ao que se engade “unha política de indecente censura por parte da Xunta e que se fixo patente na pésima cobertura realizada pola radio e a televisión públicas de Galiza”. 


Nova política forestal e  máis prevención


Desde o Bloque defenden que esta vaga de lumes para alén das responsabilidades delitivas dos incendiarios que puideren estaren implicados, ten causas tamén nunha deficiente política forestal. A este respeito, demandan que unha vez sufocados os lumes se inicie un verdadeiro proceso de debate que defina unha nova política que poña en valor o noso monte e o protexa. Aliás, reclaman que ademais de dotar suficientemente os medios de extinción para evitar “situación desesperantes” como as que se viviron no día de onte en Vigo, se reforce a prevención. “Onte vimos como a maleza acumulada e a mala atención das zonas verdes foi un factor que axudou ao lume, incluso en pleno casco urbano. Non pode volver pasar”. 

 

O BNG chama a participar da concentración convocada polo Comité Galego en Defensa do Monte para as 20h desta tarde diante do MARCO.