O BNG urxe o goberno municipal a retirar uns valados con publicidade dun club de alterne

_A organización nacionalista considera inadmisíbel que se permita anunciarse na cidade a negocios de prostitución.

O BNG urxe o goberno municipal a retirar uns valados con publicidade dun club de alterne


O Bloque Nacionalista Galego de Vigo denuncia a aparición de valados con publicidade dun coñecido club de alterne en pleno centro urbano. Para a organización nacionalista resulta totalmente inadmisíbel que se permita colocar este tipo de publicidade, xa que, máis alá dun uso vexatorio e sexista das mulleres como reclamo publicitario, que de por si vulnera a lei de igualdade, a empresa que se anuncia basea o seu negocio na explotación sexual de mulleres, o cal constitúe unha das manifestacións máis extremas da violencia de xénero. 

O BNG apremia ao goberno municipal para que mostre a súa vontade política de loitar contra a violencia machista procedendo a ordenar con carácter inmediato a eliminación dos anuncios. Máxime cando concello de Vigo existe un acordo plenario unánime, do ano 2010, no que explicitamente se ilegaliza a publicidade dese tipo de locais en todo tipo de soportes municipais.