O BNG de Vigo presenta o seu primeiro tramo da candidatura cunha "equipa potente" e con maioría de mulleres

O candidato Xabier P.Igrexas no centro da imaxe xunto ao resto da candidatura
O candidato Xabier P.Igrexas no centro da imaxe xunto ao resto da candidatura

O posto número 2 está ocupado pola independente Maica Rivas, para enfatizar a mensaxe de apertura e suma da fronte nacionalista. "O BNG temos as portas abertas de par en par para facer posíbel o novo impulso que necesita Vigo" defendeu o candidato á alcaldía, Xabier P. Igrexas

O 60% dos postos están ocupados por mulleres. Na candidatura, fortemente renovada, salientan persoas referentes de movementos sociais, sindicais, feminista, da inclusión social, do mundo cultural e da mocidade

O BNG de Vigo presenta o seu primeiro tramo da candidatura cunha "equipa potente" e con maioría de mulleres

O BNG de Vigo presentou esta mañá o primeiro tramo da candidatura resultado dun proceso interno, democrático e participativo que foi ratificado ademais pola militancia da fronte  nacionalista sen ningún voto en contra e que demostra para o candidato nacionalista á alcaldía, Xabier P. Igrexas, “a máxima unidade e conexión que existe no partido e que fai do Bloque máis bloque que nunca”. Unha equipa formada por dez persoas comprometidas en dotar a Vigo do impulso necesario e cun proxecto ilusionante con propostas en positivo.

A clara aposta do BNG polo papel da muller na política vese reflexada na presentación deste primeiro tramo da candidatura: “Queríamos facer unha candidatura fortemente feminizada que permitise trasladar unha mensaxe clara do compromiso radicalmente feminista do BNG e por iso tanto o 60% da candidatura son mulleres”, enfatiza Igrexas salientando tamén que os postos 2 e 3 están ocupados por compañeiras.

Unha candidatura que quere enviar unha mensaxe de apertura e de renovación. De aí a decisión de lanzar como número dous a Maica Rivas, independente non afiliada ao BNG, e con acreditada experiencia no campo social e en defensa do ensino público, destacando o seu papel como presidenta de FOANPAS até hai uns meses. “O BNG ten as portas abertas de par en par neste proxecto de transformación da cidade no que caben todas e todos aqueles que cren que Vigo necesita dun novo impulso”, manifestou o candidato do Bloque.

Elsa Quintas, Xerome Calero, Raquel Pérez, Dolores Rodríguez, Adrián R. Bravo, Maribel Tato, Eduardo Ruanova e María A. Castro completan o primeiro tramo da candidatura do Bloque na certeza de que “vamos merecer o apoio de milleiros de persoas para facer que o BNG volva ser unha forza determinante”.

Pero ademais de feminista o proxecto da fronte nacionalista é plural xa que integra todas as maneiras de entender o nacionalismo e que en chave externa vai estar marcado con referentes da vida cultura, social, sindical, do feminismo, da inclusión social ou da defensa dos servizos públicos. “O que hoxe presentamos é unha equipa potente que nos vai permitir encarnar un proxecto ilusionante con propostas en positivo para a cidade co obxectivo de volver ser unha forza determinante e decisiva que permita que Vigo poida ter o impulso que necesita. A nosa proposta non é outra que facer de Vigo unha cidade para o pobo, de iguais e motor para todo o pais. Esta candidatura é moi representativa do que lle queremos ofrecer á cidade: persoas capaces con ideas e alternativas”.

A preguntas dos xornalistas, Xabier P. Igrexas apuntou que nos últimos catro anos  “os vigueses e as viguesas puideron comprobar o mal que lle sentou a Vigo a maioría absoluta e notaron a ausencia do BNG”. “O noso obxectivo non é so obter representación no Concello de Vigo, senón sermos decisivos porque cada vez que o BNG o foi, a cidade avanzou”, remachou.

Eleccións Xerais

Preguntado en relación ás próximas eleccións xerais do 28-A, Igrexas afirmou “que se en algo é experto o BNG é en rebater as enquisas”. “Nos sempre as abordamos con absoluto respeito, pero as enquisas das últimas galegas auguraban un só deputado cando hoxe temos un magnífico grupo parlamentar de seis deputados e deputadas”, acrecentou.  Emporiso, o candidato nacionalista apostou en que nos comicios xerais “Galiza ten que recuperar unha voz firme e sen subordinacións, poñendo por diante os intereses do País e do pobo galego, e iso xa se demostrou que só pode garantilo que o Bloque estea presente”.