O BNG insta ao alcalde a aliviar a presión fiscal das persoas con menos recursos

O BNG insta ao alcalde a aliviar a presión fiscal das persoas con menos recursos

rolda execución orzamentos 2

A portavoz municipal do Bloque, Iolanda Veloso, explicou que no Consello Social desta tarde o BNG defendeu ampliar as exencións e bonificacións nos impostos para 2014 co obxectivo de aliviar a presión fiscal das persoas con menos recursos. Bonificacións na recollida de lixo ao pequeno e mediano comercio, exención a quen cobra menos do 85% do salario mínimo interprofesional, conxelación do prezo do billete ordinario de bus urbano e revisión das distintas tarxetas para adecuar os prezos aos niveis de renda dos usuarios son algunhas das iniciativas que defende o Bloque.

“No BNG temos moi claro que é tarefa do goberno local facilitar a execución das obrigas tributarias aos vigueses e viguesas e para iso debe modificar as taxas”, destacou Iolanda Veloso, quen subliñou que para o Bloque “é fundamental que pague máis quen máis ten, e menos quen menos ten”. “Por iso non estamos de acordo en rebaixarlle os impostos a todo o mundo por igual”, puntualizou.

Pola contra, o BNG propón incluír nas taxas municipais a exención para as persoas que ingresen o 85% do salario mínimo interprofesional tanto para a taxa do lixo, as escolas infantís ou o IMD. Tamén defende bonificar a taxa de recollida de lixo para as persoas que teñen unha discapacidade superior ao 65%, independentemente de que teñan recoñecida a dependencia pola Xunta de Galiza.

A proposta do BNG tamén recolle medidas de apoio ao pequeno e mediano comercio, como é a redución nun 2,8% das taxas por licenzas de actividades e instalacións aos locais cunha superficie de ata 500 m2 rebaixa do 2,8% para os locais comerciais cunha superficie inferior a 50 m2.

Progresividade fiscal

O BNG entende que se deben desenvolver actuacións para atender aos cidadáns e cidadás que sofren as consecuencias da crise, polo que defende a aplicación da progresividade fiscal. Nesta liña Iolanda Veloso salientou a pertinencia de que se cobre o IBI aos edificios da Igrexa que non están exentos segundo a lei de facendas locais e o acordo entre a Santa Sede e o goberno español sobre asuntos económicos.

Asemade o Bloque propón aplicar un recargo do 90% no IBI aos inmóbeis de uso residencial desocupados de maneira permanente; aumentar o 2,8% nas taxas por licenzas de actividades e instalacións aos locais cunha superficie de máis de 501 m2 e ata 5000 m2 e aumento do 100% para os locais superiores a 5000 m2; e aplicar unha bonificación do 95% á Universidade de Vigo.

Tarifas de bus e auga

A respecto da tarifa do billete de transporte urbano, o BNG defende a conxelación do prezo do billete ordinario e a revisión das distintas tarxetas para adecuar aos prezos aos niveis de renda dos usuarios. Deste xeito, propón a redución do prezo da tarxeta social a 0,65€ (igual que a tarxeta universitaria) e a creación dunha nova tarxeta social gratuíta dirixida a desempregados de longa duración sen ingresos, maiores de 65 anos que non cobren pensión e a persoas sen ingresos mentres permanezan nesa situación.

No tocante ás taxas por subministro de auga, o Bloque reitera a súa demanda de poñer en marcha un novo sistema de cobro en función ao consumo.

 

O BNG insta ao alcalde a aliviar a presión fiscal das persoas con menos recursos