O BNG de Vigo insta a Caballero a non sumarse á ofensiva do PP contra o naval e opoñerse á extinción da concesión portuaria da antiga Vulcano

rop01

A fronte nacionalista advirte de que a extinción da concesión por parte da Autoridade Portuaria suporía abrir á porta á desaparición definitiva do centenario estaleiro de Teis e un golpe letal ao conxunto do sector naval.

Xabier P. Igrexas: “Caballero ten que decidir entre apoiar a desaparición dun estaleiro centenario, ou defender o futuro industrial da cidade e a continuidade do sector naval”.

O BNG de Vigo insta a Caballero a non sumarse á ofensiva do PP contra o naval e opoñerse á extinción da concesión portuaria da antiga Vulcano

O Bloque Nacionalista Galego volveu interpelar publicamente ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, para que aclare cal vai ser a súa posición como representante do Concello no Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Vigo en relación á proposta de extinción da concesión portuaria da antiga Vulcano. A fronte nacionalista chama o rexedor a non se sumar á “ofensiva do PP contra o sector naval” e a defender a continuidade dun sector estratéxico para Vigo e a súa comarca.

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, reiterou esta mañá publicamente a interpelación que realizou onte no Pleno do Concello, demandando a Abel Caballero que se pronuncie de maneira clara sobre a posición que vai adoptar na xuntanza do Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Vigo, convocada para este venres, e na que se vai abordar a incoación dun novo expediente de extinción da concesión portuaria (outorgada en 2009 e vixente até 2027) á antiga Vulcano. Igrexas alertou de que se adoptar esa medida estaríase abrindo a porta á desaparición definitiva do estaleiro centenario de Teis, agora xestionado como Estaleiro San Enrique, da man de Marina Meridional, e suporía un golpe letal para o conxunto do sector naval.

“É momento de que Caballero diga publicamente se vai votar a prol de acabar definitivamente coa antiga Vulcano, ou se se vai a opoñer aos plans especulativos impulsados por López Veiga e asumidos pola actual presidencia da Autoridade Portuaria, para converter este estaleiro, fundamental para a construción e reparación naval na ría de Vigo, nunha extensión da terminal de contedores”, reclamou o portavoz municipal nacionalista.

Decisión clave

Desde o Bloque advirten da enorme importancia que envolve o futuro do estaleiro nun contexto de “grave devalar industrial”, cando na cidade hai 5400 empregos industriais menos dos que había en 2009 e lembrando que o sector naval chegou a representar 10 mil postos de traballo. “Acabou o tempo das dilacións e as escusas. Acabou o tempo de poñerse de perfil. É hora de que o alcalde de Vigo diga claramente se o voto do Concello vai ser a favor do futuro industrial da cidade, ou se se vai sumar á campaña furibunda do PP contra o sector naval”, inquiriu Igrexas.

A fronte nacionalista sinala que PP e PSOE “teñen nas súas mans o futuro do sector naval”, indicando que os representantes institucionais de ambos os dous partidos son maioría no Consello de Administración do Porto.

“Como BNG dicimos que hai que protexer e potenciar un sector estratéxico como o sector naval”, enfatiza o edil nacionalista. Neste sentido, apuntou que o Bloque demandou tamén onte no Parlamento de Galiza, a través da deputada Carmela González, un compromiso “firme, real e efectivo” da Xunta co futuro de Vulcano, de Barreras e do conxunto do tecido produtivo ligado á construción naval.

O BNG de Vigo insta a Caballero a non sumarse á ofensiva do PP contra o naval e opoñerse á extinción da concesión portuaria da antiga Vulcano