O BNG esixe que a Xunta cumpra a lei de Inclusión Social pagando e tramitando a tempo a Risga

O BNG esixe que a Xunta cumpra a lei de Inclusión Social pagando e tramitando a tempo a Risga

Serafín Otero denuncia que Vigo ten 33.000 persoas desempregadas das que a metade non reciben ningún tipo de subsidio

Carme Adán: “O PP di que non lle gusta a palabra pobreza, ao BNG non nos gusta a pobreza”

 

rolda RisgaVigo, 13 de febreiro de 2015.- O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Serafín Otero, e a deputada nacionalista Carme Adán, denunciaron os atrasos que existen en Galiza na tramitación da renda básica de inclusión social de Galiza (Risga). Presentaron a iniciativa rexistrada polo Bloque no Parlamento galego na que se demanda que a Xunta cumpra a lei de Inclusión Social, axilizando a tramitación da Risga, tendo en conta que os atrasos que se están producindo neste 2015 son superiores ao de 2014, cifrados nunha media de entre 6 e 8 meses.

Serafín Otero subliñou a complexa situación que atravesa Vigo, especialmente debido ao peche de empresas, ao contar con 33.000 persoas desempregadas das que a metade xa non reciben ningún tipo de subsidio. “Esiximos que a situación de emerxencia social teña unha resposta rápida tanto por parte do goberno galego o do goberno local”, salientou.

O candidato nacionalista explicou que a demanda da Risga aumentou un 70% nos últimos anos, mentres que a plantilla para xestionala decreceu un 10%. Sinalou asemade que segundo os datos da propia consellería os casos triplicáronse, ao pasar de 850 en 2008 a 2.144 en 2014. “Son unhas cifras realmente moi importantes, que se fan insoportables para a maioría das persoas debido aos tempos de espera, xa non para vivir dignamente, senón para vivir”, apuntou ao respecto.

A candidata do PP dos recortes

“O PP acaba de nomear in extremis unha candidata en Vigo e eu me pregunto se vai a utilizar o mesmo estilo que empregou na Xunta?”, preguntouse Serafín Otero, en referencia a recén nomeada Elena Muñoz. “Sería bo saber se no seu programa vai defender as políticas sociais ou se vai seguir defendendo os recortes como fixo desde a Xunta”, manifestou o candidato do Bloque.

rolda Risga 2Neste mesmo sentido expresouse Carme Adán, quen defendeu que a candidata “debería explicar cal vai ser o seu programa social”.A deputada nacionalista salientou que para o BNG as cuestións sociais “son fundamentais” e que esta é unha forte diferencia entre o Bloque e o PP. Como exemplo citou que os representantes populares teñen comentado que non lles gusta a palabra pobreza. “Pola contra, a nós o que non nos gusta é a pobreza”, subliñou.

Adán explicou que as persoas demandantes da Risga, ademais de ter que agardar meses pola contestación á súa solicitude e saber se teñen dereito a prestación ou non, atópanse con que o 41% son denegadas. Entre as causas da denegación figuran ter wifi na súa vivenda ou ser prostituta. “Como a alguén lle pode parecer raro que unha persoa demandante e buscadora de emprego teña wifi na casa”, preguntou.

A deputada do BNG explicou ademais que a iniciativa insta ao goberno galego a cumprir o acordo parlamentar segundo o cal todas as persoas que teñan solicitada a Risga e estean agardando pola súa resolución, unha vez superado o tempo legal estabelecido, lles sexa concedida a percepción da renda por silencio administrativo.

Neste contexto, Carme Adán sinalou que en Galiza hai un 18% de poboación que está en risco de pobreza enerxética, é dicir, hai 400.000 persoas que non poden pagar o recibo da luz. “Nós demandamos que non se produzan cortes de luz ás persoas que son pobres”, defendeu.