O BNG defende a mellora da seguridade viaria de Mos fronte a parálise da Xunta

O BNG defende a mellora da seguridade viaria de Mos fronte a parálise da Xunta

Carlos Aymerich e Carme Adán, cabeza de lista e número 2 da candidatura do BNG pola provincia de Pontevedra, respectivamente, defenderon a necesidade de acometer obras que melloren a seguridade viaria no municipio de Mos e as súas parroquias. Pola contra, destacaron as actuacións impulsadas cando o Bloque formou parte do goberno galego

Neste sentido, o candidato nacionalista salientou a política transformadora que levou a cabo o BNG dende o goberno da Xunta a respecto do desenvolvemento industrial e do ensino público, ao iniciar en Mos o polígono de Vegadaña e impulsar unha nova escola pública. “Para o Bloque é indispensable impulsar os sectores produtivos e o servizos públicos en todas as localidades, a cidadanía ten que percibir nos pobos a mellora da súa calidade de vida”, subliñou Aymerich.

“Para Mos, o paso do BNG polo goberno galego foi un rotundo paso adiante, mentres que a parálise é o principal balance do goberno de Feijóo”, asegurou ao respecto a candidata Carme Adán, quen lembrou a preocupación constante do Bloque por levar ao Parlamento galego as propostas para mellorar os servizos públicos de Mos. “O noso traballo ten sido constante non só nas grandes cidades, senón en todas e cada unha das vilas de Galiza”, manifestou.

Afondando nesta liña, o BNG local propón a construción e mellora de dous viais que vertebren as parroquias mosenses. Por unha banda, o portavoz municipal Miguel Aldea referiuse a construción da conexión da PO331 con Puxeiros, que serviría para vertebrar a parroquia de Cela. Ademais, salientou a necesidade de mellorar o vial de enlace da A55 que atravesa a parroquia de Pereiras. “Consideramos que a Xunta debe asumir o custe total da obra e o seu mantemento”, defendeu.