O BNG propón rebaixar impostos e taxas municipais ás familias con menos ingresos

O BNG propón rebaixar impostos e taxas municipais ás familias con menos ingresos

_Presentaron no Concello as súas propostas para as ordenanzas fiscais do vindeiro ano co obxectivo de avanzar cara a unha fiscalidade municipal socialmente xusta.

_As emendas nacionalistas inclúen novas bonificacións e exencións para as rendas máis baixas.

TAXAS2

Vigo, 25 de setembro de 2015.- Esta mañá o Bloque Nacionalista Galego presentou, a través do rexistro municipal, as súas propostas de cara á confección das ordenanzas fiscais do vindeiro exercicio 2016. O Responsábel de Política Institucional, Serafín Otero, defendeu a necesidade de “avanzarmos cara a unha fiscalidade municipal socialmente xusta”.

As emendas que o BNG formula ás actuais ordenanzas en vigor teñen como obxectivo fundamental “equilibrar o esforzo que a veciñanza ten que facer en impostos e taxas municipais”. Desta maneira, o groso das propostas nacionalistas consiste en ampliar as bonificacións e exencións nas principais ordenanzas. “Entendemos que neste contexto de emerxencia social e grave crise o xusto é que quen menos ten pague menos” explicou Otero. Desde a fronte nacionalista defenden estas bonificacións e exencións permitirán tamén “o acceso a servizos básicos como o transporte colectivo, escolas infantís, centros de día,  IMD, ensinanzas deportivas ou o acceso a museos”.

Entre as propostas inclúese a eliminación do pago de xuros no caso de aprazamento ou fraccionamento no abono das taxas e impostos. Propoñen tamén que todas as exencións e bonificacións, as xa previstas e as que se incorporen, teñan como referencia como mínimo o 50% do salario mínimo interprofesional (o 75% para as familias numerosas), o que suporá elevar o limiar económico permitindo que sexan máis as persoas que se beneficien destes descontos.

Vivenda

A vivenda é un dos ámbitos que merece maior atención para o BNG. Nese sentido, defenden que se fixe unha bonificación do 95% sobre o IBI ás vivendas destinadas a residencia habitual para unidades familiares da persoa titular con ingresos brutos anuais per cápita inferiores a 1.130,10€. No caso de que os ingresos per cápita estivesen entre 1.130,10€ e 2.260,20€ a bonificación proposta polas nacionalistas será do 75%.

Ademais, propoñen que se aplique un recargo do 75% no IBI ás vivendas desocupadas que non sexan ofertadas en alugueiro nalgún plan ou programa público. Estas medidas permitirán facilitar o acceso social a un ben básico como é a vivenda penalizando a súa desocupación. “Esta cidade non pode permitirse ter milleiros de vivendas baleiras mentres hai xente que non ten teito ou que está en risco de perder o que ten” explican.

Outros cambios no IBI é bonificar nun 95% á Universidade de Vigo e tamén aos bens inmobles pertencentes a entidades sen ánimo de lucro e destinados a actividades de carácter social, recollendo unha histórica reivindicación dos colectivos sociais. O Bloque volve reclamar que a Igrexa Católica pague o IBI dos edificios que sendo da súa propiedade non estean exentos no acordo subscrito entre o Goberno español e a Santa Sede.

Dentro das medidas sociais incluídas nas emendas nacionalistas está a exención das taxas de centros de día, escolas infantís, ensinanzas especiais e IMD, para quen  teña ingresos por baixo do 85% do salario mínimo interprofesional.

Bus gratuíto para persoas desempregadas

A fronte nacionalista, propón unha revisión das tarifas do autobús urbano. A ese respecto defenden a creación dun novo Bono Social II que sexa gratuíto para as persoas desempregadas de longa duración. Propoñen tamén a conxelación tanto do prezo do billete ordinario como de todos os bonos, suxerindo que se reduza nun céntimo o actual bono social para o equiparar ao bono universitario (0,65€). En relación ás persoas pensionistas a proposta do BNG formula que se eleve o tope para ser beneficiarias do bono pensionista II ao 120% do SMI, “por ser un importe que se aproxima máis á pensión media”.

O Bloque volve reiterar a necesidade dun novo sistema tarifario do consumo da auga, en función do consumo real, que bonifique o aforro e penalice os grandes consumidores.

Apoio ao pequeno comercio

Outra das liñas incluídas na súa alternativa é axustar as taxas para apoiar ao pequeno comercio. Nesa dirección insírense as propostas de reducir a taxa do lixo nun 5% aos locais comerciais de menos de 50 m2 e reducir as taxas de licenza de actividade e instalación nun 10% para os locais de até 500 m2.

En troca, defenden que se aumente nun 10% a taxa de licenza para os locais de máis de 501 m2 e unha suba 5% no IAE, imposto que só pagan as empresas con máis dun millón de euros de facturación.

_DESCARGA: Propostas do BNG para as ordenanzas fiscais 2016 (PDF)