Despiden por motivos políticos a unha candidata do BNG de Pazos de Borbén

Despiden por motivos políticos a unha candidata do BNG de Pazos de Borbén

maiteVigo, 31 de xullo de 2015.- Nunha comparecencia na que estiveron presentes cargos orgánicos e institucionais denunciouse o despedimento de Maite Mouriño Ricón, candidata nº3 do BNG-Asembleas Abertas nas pasadas eleccións municipais no concello de Pazos de Borbén e despedida pola empresa ESYCSA “Equipos de Señalización y Control S.A.” na cidade de Vigo.

Bieito Lobeira, responsábel de organización do BNG, manifestou que “no BNG non son novos os casos de persoas coaccionadas e perseguidas polos poderes económicos ou por representantes do PP en moitos concellos” e cualificou de “escandaloso que no ano 2015 nunha cidade como Vigo se vulneren dereitos democráticos e liberdades fundamentais”

O responsábel de organización do BNG anunciou que esta formación dará a batalla política, institucional e social para denunciar o proceso de espionaxe e seguimento ao que foi sometida Maite Mouriño e o seu despedimento, así como a presentación de iniciativas parlamentarias esixindo explicacións por este feito, que non é só un conflicto laboral, xa que se trata dun caso de persecución política. Anunciou tamén que o BNG estudará a actuación da empresa nas diferentes concesións nos concellos e administracións públicas nas que actúa.

Manuel Caride, responsábel comarcal do BNG, reclamou a súa vez da empresa ESYCSA a inmediata readmisión de Maite Mouriño por ser “inadmisíbel que se despida a unha traballadora por motivos ideolóxicos”

Na comparecencia, ademais da propia Maite Mouriño, tamén estiveron presentes Olaia Fernández Davila, deputada no Parlamento español; Carme Adán, representante no Parlamento galego e cargos de localidades da comarca manifestaron a solidariedade coa compañeira despedida así como o dereito a ser nacionalista e vivir libres nun pais libre.

Despiden por motivos políticos a unha candidata do BNG de Pazos de Borbén