Xabier P. Igrexas: “Non se pode gobernar a cidade téndolle medo á xente. Democracia é moito máis que votar cada catro anos”

  • O concelleiro do BNG de Vigo critica que a maioría absoluta do PSOE impedise a aprobación da moción na que instaba a elaboración dun novo Regulamento de Participación Cidadá..
  • O Bloque demandou tamén no Pleno que se atendan as reivindicacións do colectivo de bombeiros e interpelou o Goberno local sobre a necesidade de poñer en marcha un Parque Municipal de Vivenda Social que evite que se sigan a producir desafiuzamentos sen alternativa habitacional.
Xabier P. Igrexas: “Non se pode gobernar a cidade téndolle medo á xente. Democracia é moito máis que votar cada catro anos”

No Pleno ordinario celebrado no día de onte o PSOE ficou só no seu rexeitamento á proposta de moción do BNG na que se instaba á elaboración dun novo Regulamento de Participación Cidadá. A iniciativa nacionalista, que recibiu o apoio das restantes forzas políticas, non prosperou por causa do veto da maioría absoluta do grupo de goberno. 

“Desde o BNG o que lle dicimos ao Goberno municipal é que non se pode gobernar unha cidade téndolle medo á xente. Hai que escoitar a todo o mundo, sobre todo a quen pensa diferente”, reprochou hoxe o concelleiro nacionalista Xabier P. Igrexas.

pleno 03Igrexas subliñou que “a principal lección que tirei da miña participación no movemento veciñal foi aprender a escoitar, e sobre todo a escoitar a quen discrepa, a quen pensa distinto”. Para alén de volver sinalar que o BNG respeita a maioría absoluta do PSOE e a súa lexitimidade democrática o edil advertiu que “o Concello de Vigo non ten que gobernar apenas para as 100 mil persoas que votaron PSOE, ten que gobernar para todos e para todas, para as case 300 mil viguesas e vigueses”. 

“Democracia non pode ser só votar cada catro anos. Democracia ten que ser contar coa participación de todas e de todos, coa opinión da veciñanza e dos colectivos sociais, para definirmos entre todas e entre todos que cidade queremos ser, que modelo de cidade queremos construír e que tipo de políticas aplicar”, acrecentou. 

Por outra parte, Igrexas cualificou de “moi lamentábel” a negativa do Goberno municipal a implementar os orzamentos participativos na cidade, tal e como se reclamaba na moción coa proposta de reservar unha partida no capítulo de investimentos para a posta en marcha dun proxecto piloto co que os colectivos sociais e o conxunto da veciñanza poidan decidir o uso e aplicación da mesma.

O voceiro nacionalista encadrou a posición do grupo socialista nunha nova manifestación do vello absolutismo. “Daquela monarquía absoluta francesa do ‘estado son eu’, onte vimos como un concelleiro do Goberno viu a dicir que a cidade son eles. Nós dicimos que Vigo somos todos e todas”, dixo. 

Ademais cualificou de “oportunista” o apoio do grupo municipal do Partido  Popular á moción nacionalista lembrando que o PP é responsábel da lei Mordaza, da reforma regresiva do Código Penal e da criminalización da loita social. 

Crítica ao abandono do alcalde 

Pérez Igrexas expresou durante o Pleno a súa crítica de que o alcalde da cidade abandonase a sesión cando, inda mediada, comezaba o debate das mocións da oposición, malia non ter ningún acto en axenda até as 13h. “Non pode haber ningunha ocupación máis importante para o alcalde que asistir ao debate no Pleno entre os representantes institucionais de toda a cidadanía de Vigo”, afeoulle o nacionalista. 

Bombeiros

Ademais da moción, o  BNG formulou un rogo e unha interpelación no Pleno. No rogo a fronte nacionalista demandou “que se atendan as reivindicacións do colectivo de Bombeiros da cidade, no sentido de aumentar o número de efectivos e garantir a seguridade tanto das viguesas e dos vigueses como a súa propia, a comezar por seren recibidos pola nova concelleira de Seguridade”. 

Desafiuzamentos

Na interpelación ao Goberno municipal, Igrexas puxo o foco nos desafiuzamentos que se seguen a producir na cidade. “Dado que semana si e semana tamén asistimos a desafiuzamentos na cidade sen alternativa habitacional, como exemplifica a orde de desaloxo ditada polo propio Concello de Vigo contra unha familia na rúa Santa Marta ofrecéndolle aloxamento provisional por apenas 5 días, cando ten pensado o Goberno local poñer en marcha un Parque Municipal de Vivenda Social?”, preguntou o nacionalista sen recibir resposta e malia os intentos do presidente accidental do Pleno, o tenente de alcalde Javier Pardo, que con reiteradas interrupcións tentou evitar, sen logralo, que o concelleiro puidese concluír a súa lectura.