Imprimir

O BNG elevará a protección dos montes de Vigo e do río Lagares para avanzar cara a unha “cidade máis verde”

BNG Vigo | 19 de maio de 2019

O candidato á alcaldía, Xabier P. Igrexas, reitera a súa oposición frontal ao proxecto do macrocentro comercial Porto Cabral.
A fronte nacionalista comprométese a aumentar o apoio municipal para poñer en valor os montes da cidade e convertelos nun “grande parque periurbano” e a declarar o río Lagares un “espazo natural de interese local”.

 O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, comprometeuse esta tarde nun encontro aberto na parroquia de Cabral en elevar a protección ambiental dos montes da cidade e do río Lagares para avanzar cara a unha “cidade moito máis verde”. “Os nosos montes teñen que se converter nun verdadeiro parque periurbano, nese pulmón imprescindíbel e para iso comprometémonos a elevar a súa protección pero tamén a aumentar a implicación do Concello no seu mantemento e posta en valor”, explicou.

No concreto, a fronte nacionalista reitera a súa oposición frontal ao desenvolvemento do proxecto de Porto Cabral. “Non imos permitir que se dedique nin un só metro cadrado do monte comunal para un pelotazo urbanístico e menos para poñer en marcha un novo macrocentro comercial cando temos a cidade xa saturada deste tipo de espazos”, afirmou comprometéndose a blindalo no próximo PXOM. Ademais, propoñen unha ordenación dos montes “que permita o seu aproveitamento racional e sustentábel, produtivo, ambiental e tamén para o lecer e a práctica deportiva”. Outra das medidas que inclúen no seu programa é a de homologar os asadores e churrasqueiros dos parques forestais da cidade á normativa de seguridade e prevención de incendios. 

Precisamente, en relación á defensa do monte vigués fronte a ameaza dos lumes forestais, Igrexas chamou a “aprender a lección do ano 2017” e a despregar un maior apoio municipal ás comunidades de montes. “Non pode ser que máis dun ano e medio despois, pola inacción da  Xunta e do Concello, as comunidades sigan sen dispor dos medios necesarios para reforestar e para reforzar a súa capacidade de resposta fronte ao lume e sobre todo para despregar máis accións preventivas”, criticou. Neste sentido, Igrexas avogou por declarar Vigo “cidade libre de eucalipto e outras especies pirófitas”, pulando pola cooperación das administracións para promover o proceso de substitución destas especies por outras autóctonas. 

Un Lagares vivo

O compromiso por reconciliar a cidade co seu medio natural ten tamén no río Lagares outros dos ámbitos de especial atención da proposta nacionalista. O BNG propón despregar todas as medidas necesarias que permitan declarar o río como “espazo natural de interese local”, prestando unha maior sistema ao subsistema de zonas verdes e os seus afluentes. Tamén demandan que se acometa o saneamento, recuperación e rexeneración integral do tramo pendente do Lagares e afluentes, eliminando os puntos de vertido, poñendo en marcha medidas preventivas e recuperando o sistema de telecontrol. 

“Se os nosos montes son o noso pulmón verde, o Lagares ten que se converter no pulmón azul de Vigo. Queremos un Lagares vivo, libre de contaminación, que sexa tamén un espazo para desfrutar dun curso fluvial cunha paisaxe fantástica e avanzando na recuperación da fauna e a flora”, defende Igrexas. 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/iniciativas-politicas/bng-elevara-proteccion-montes-vigo-do-rio-lagares-avanzar-cara-cidade-mais-verde/20190519010141004108.html


© 2019 Bloque Nacionalista Galego de Vigo

Bloque Nacionalista Galego de Vigo

Rúa Celso Emilio Ferreiro 3, baixo
36203, Vigo (GALIZA)
Teléfono: 986447300
Correo: vigo.cidade@bng.gal 

facebook twitter youtube whatsapp telegram instagram flickr