Aymerich: “O que funciona en Vigo e en Galiza é a pesar dos recortes do PP”

Aymerich: “O que funciona en Vigo e en Galiza é a pesar dos recortes do PP”

O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Carlos Aymerich, fixo balance do negativo goberno de Núñez Feijóo para Vigo. Nun almorzo informativo celebrado xunto a número 2 da lista, Carme Adán, e o portavoz municipal, Santi Domínguez, o nacionalista subliñou que “o que funciona en Vigo e en Galiza é a pesar do PP” e os recortes que acomete dende a Xunta de Galiza e o goberno central.

Tomando como referencia ás verbas do candidato popular nas que pedía catro anos máis para completar o proxecto do PP, Carlos Aymerich preguntouse polo seu balance ao longo da presente lexislatura. “Un goberno ten que dar conta do que fixo. E hai unha pregunta fundamental: Galiza está mellor ou peor que hai catro anos?”.

O cabeza de lista por Pontevedra afondou nesta pregunta: “Galiza ten máis ou menos desemprego? É un país máis ordeado? Conta con máis ou menos profesores? Hai máis ou menos alumnos e alumnas por aula”. Ao seu xuízo, respostando a estas preguntas pódese facer un balance certeiro do que ten suposto o goberno de Feijóo para Vigo e para Galiza.

Incumprimentos nas infraestruturas

Carlos Aymerich desglosou os diferentes incumprimentos de Núñez Feijóo a respecto das infraestruturas de Vigo e a súa área de influencia. Lembrou que na campaña de 2009 o actual presidente da Xunta expresou o seu compromiso para recuperar a concesión da AP9, ampliar o túnel de Beiramar e construír a alternativa á propia AP9. Tamén recordou outro dos compromisos de Feijóo, o desdobramento da vía rápida do Morrazo do que, ao igual que nos outros casos, “non se sabe nada”.

Paro en Vigo

Segundo o nacionalista, outro dos incumprimentos claros de Feijóo refírese á loita contra o desemprego, tal e como reflicten os datos correspondentes a Vigo. A taxa de paro da cidade pasou do 19% en 2011 ao 24% no 2012 dun ao 24%, con arredor de 34.000 persoas en situación de desemprego. “Estes datos demostran o claro fracaso da política económica do PP”, asegurou Aymerich.

Sectores produtivos

Para o cabeza de lista do BNG, causa desta situación vén dada pola falta de aposta de Núñez Feijóo polos sectores productivos industriais galegos. “Fabricar en Portugal é o modelo do PP?”, preguntou en relación á actividade económica dun dos acctuais conselleiros. “E seguimos agardando a que se arregle o tax lease”, comentou.

Carlos Aymerich destacou que o BNG, ademais de contar con argumentos para criticar a xestión de Núñez Feijóo tamén conta con propostas para impulsar a actividade económica galega en xeral e de Vigo en particular. Explicou que estas propostas se artellan en tres eixos fundamentais, a aposta pola actividade produtiva, o autogoberno e a democracia.

Banca pública

Ao seu xuízo, o goberno ten que apostar pola actividade produtiva, non a especulativa. “Haberá que contar con instrumentos financeiros que permitan precisamente o financiamento da industria. E por iso queremos unha banca pública galega”, subliñou. Neste sentido defendeu a conversión de Novagalicia Banco en banca pública galega “antes de que desapareza”.

Aymerich tamén fixo referencia ao Igape. “Queremos que funcione non para dar axudas aos amigos, senón para aquilo que ten que funcionar, impulsando a actividade económica”, salientou. Para o BNG cómpre que se transforme en Instituto Galego de Investimento e Crédito. Asemade, o nacionalista destacou que o autogoberno tamén debe reflectirse na situación enerxética de Galiza, así como para “negociar un novo modelo de financiamento”.

Discriminación na sanidade

Carme Adán, na súa intervención, asegurou que a Vigo “non lle foi ben con esta Xunta” e entre os incumprimentos que mencionou de Feijóo fixo especial fincapé na discriminación da cidade no eido sanitario. Puxo de relieve que as listas de agarda na cidade son as máis grandes de toda Galiza, tendo en conta que o Sergas tenta trasladar a Pontevedra os pacientes que precisan operacións.

Asemade criticou a situación do novo hospital, que resulta máis caro co financiamento público-privado polo que optou a Xunta e ve reducida drasticamente a súa capacidade. Neste sentido expresou o compromiso do BNG a rescatar a concesión desta infraestrutura sanitaria se acada responsabilidades no novo goberno galego.

Aymerich: “O que funciona en Vigo e en Galiza é a pesar dos recortes do PP”