O BNG defende que a plusvalía xerada pola venda de Alfageme se destine aos traballadores

O BNG defende que a plusvalía xerada pola venda de Alfageme se destine aos traballadores

Serafín Otero mantivo unha xuntanza con representantes da plantilla na que lles trasladou o respaldo do BNG ás súas demandas

xuntanza alfagemeVigo, 13 de maio de 2015.- O candidato do BNG – Asembleas Abertas, Serafín Otero, salientou que a plusvalía resultante da operación cos terreos da antiga fábrica Bernardo Alfageme deben servir para completar os salarios adebedados aos traballadores e traballadoras.

Tras o encontro que mantivo con representantes da plantilla, Serafín Otero, avogou polo cumprimento do acordo plenario do Concello de Vigo do ano 2010 no que os 26 membros da corporación (un estaba ausente) acordaron que a cantidade que xere de plusvalías serva para completar os salarios dos traballadores e traballadoras que neste momento se lles adebeda.

Neste sentido sinalou que só cobraron a parte que corresponde a Fogasa, “pero até os 45 días por ano traballado queda unha parte importante que aínda non cobraron”, salientou, ao tempo que considerou que o propio concello cuantificaba as plusvalía en máis de 26 millóns de euros, aínda que puntualizou que “somos conscientes de que non vai ser esa cantidade”.

“Parécenos lóxico que se cumpra ese acordo, porque todos sabemos das necesidades que teñen estas familias”, manifestou Otero, quen lembrou que moitas delas estiveron “nunha situación con dificultades e precariedade” mentres a empresa non pechou.

xuntanza alfageme2

Medida xusta

O candidato do BNG salientou que se trata “dunha medida xusta que hai que cumprir a partir do día 24”. Ao respecto afirmou que “se nós temos a alcaldía ou temos influencia faremos todo o posible para que esa plusvalía xerada pase aos traballadores e traballadoras”. “Esperamos que se resolva da mellor forma posible e o BNG os vai arroupar como nese momento e a partir de agora”, asegurou.

O representantes dos traballadores Antón Piñeiro expresou a súa confianza na “resolución favorable” da situación. “Fóra do terreo xurídico do debate e do acordo plenario, hai unha autoridade moral e lexítima porque os traballadores foron os prexudicados desta operación”, manifestou.

Piñeiro sinalou que os traballadores só cobraron até agora unha media arredor do 30% das indemnizacións. “Pensamos que a débeda cos traballadores debe superar os 2 millóns de euros en conceptos de indemnización e salario e polo tanto entendemos que con esas plusvalías xeradas os bancos teñen o deber moral de indemnizarnos”, explicou.